Agromuralla esíxelle ás administracións que actúen ante os incumprimentos da Lei da Cadea no renegociado dos contratos lácteos

Agromuralla esíxelle ás administracións que actúen ante os incumprimentos da Lei da Cadea no renegociado dos contratos lácteos

A través dun comunicado, a asociación Agromuralla expresou que considera insuficientes as melloras ofertadas polas empresas lácteas aos gandeiros aos que lles recollen o leite de cara á renovación dos contratos que vencen o vindeiro 31 de marzo.

Así mesmo, demandan o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, “que establece que ningún produto agrario poderá ser pagado en orixe por baixo do prezo ao que ao produtor lle custa producilo", recordan. Segundo o estudo publicado pola Fundación Juana de Vega, e tendo en conta as subas no valor dos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes, o custo de produción medio das granxas sitúase nos 40 céntimos por litro.

Deste xeito, e ante o inminente vencemento da data de renovación dos contratos, esíxenlle ás administracións, tanto á Xunta como ao Ministerio, "que impidan a sinatura de contratos ilegais por baixo dos custos de produción e as ofertas abusivas por parte das empresas mediante actuacións máis aló das palabras", declararon os portavoces da asociación. 

Neste sentido, José Luis Pérez Barreiro, presidente de Agromuralla, pide a "actuación inmediata e de oficio" da Axencia de Información e Control Alimentario, dependente do Ministerio de Agricultura, órgano que, reclaman, deberá solicitar ás industrias os contratos e impedir a sinatura daqueles que inclúan prezos por baixo dos 40 céntimos por seren ilegais.

Para a asociación, a solución non pasa por establecer unha prima puntual de 4 céntimos en litro, como está a reclamar a Xunta ao Ministerio, dado que se estarían "tapando os incumprimentos da lei por parte das industrias e premiando a aquelas que menos pagan polo leite". 

"O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece e unha prima excepcional non corrixe a situación", remarcou Pérez. “Coa proposta que fai a Xunta, a mensaxe que se lles está trasladando ás industrias é que poden aforrar 4 céntimos, pagando o leite só a 36, porque os outros 4 irían nunha prima á parte”, expoñen.

Ademais, e tendo presente o impacto que pode ter no prezo dos cereais a guerra en Ucraína, así como tamén no prezos do gas e da enerxía, explican que a proposta da Xunta de fixar o prezo do leite en 41 céntimos como máximo para todo o ano 2022 non é responsable. "O lóxico, e así o establece a Lei da Cadea Alimentaria, é vincular os prezos en orixe aos custos de produción, en base a un índice público que se actualice mensualmente, e a actual situación non permite pensar que os custos de produción vaian baixar, por iso non se debe limitar tampouco o prezo de compra do leite", sinalan dende Agromuralla.