Agromuralla mantén o seu apoio á convocatoria dunha folga de entregas estatal

Protesta convocada por Agromuralla en novembro
Protesta convocada por Agromuralla en novembro

Onte, mércores, finalizaba o prazo para que as industrias lácteas fixesen efectivas as subas no prezo do leite que pagan aos gandeiros. A asociación Agromuralla considera "insuficientes" as melloras nos contratos ofertadas polas empresas lácteas, polo que manteñen o seu apoio á convocatoria dunha folga de entregas a nivel estatal promovida pola plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos.

O paro materializaríase a nivel estatal, tería carácter indefinido e comprendería accións como deixar de enviar o leite ás industrias transformadoras, ademais de bloquear a circulación das cisternas. Esta medida de presión "extrema e dolorosa" é a "única alternativa que nos deixan aos gandeiros", asegura o presidente da asociación, José Luís Pérez Barreiro. Neste sentido, afirman desde o colectivo que manterán reunións coas diferentes organizacións agrarias e grupos de gandeiros dos principais municipios produtores para que "de Galicia non salga nin un só litro de leite".

Agromuralla mantivo encontros coas distintas empresas para coñecer de primeira man cal é a súa postura, constatando que "unicamente están dispostas a acometer subidas dun céntimo na maioría dos casos, algo totalmente insuficiente para paliar a situación actual do sector", considera.

Os gandeiros reclaman unha suba do prezo que cobran polo leite que producen que compense o encarecemento que están a sufrir os pensos, o gasóleo e o prezo da luz. "Estamos a arruinarnos e perdendo diñeiro todos os meses. A situación que se prevé cara a principios de ano, con novas subas anunciadas nos cereais e os fertilizantes fai que non podamos seguir producindo", sentencia o presidente de Agromuralla. Así mesmo, cargan contra as grandes cadeas de supermercados que controlan o mercado e fixan os custos, e contra as industrias lácteas. "Encarecer ao consumidor a cesta da compra non é a solución se ese incremento non repercute no produtor. Nos últimos tempos os prezos subiron no lineais de supermercado, pero descoñecemos quen leva a ganancia ou como se reparten o pastel a industria e a distribución", di Pérez.

Afirman que o prezo segue estancado desde hai décadas, mentres os custos de produción non cesan de subir. "Estamos a cobrar o leite igual que hai 30 anos, antes de que chegase o euro, pero desde entón os gastos disparáronse. Pedimos algo que é xusto, unha suba do prezo que garanta a viabilidade económica das explotacións para poder seguir mantendo viva a Galicia Rural", reclama o presidente.