Agromuralla pide á poboación que se mobilice por uns prezos xustos para os produtores de leite

Agromuralla pide á poboación que se mobilice por uns prezos xustos para os produtores de leite

Agromuralla pide a toda a poboación, teña ou non vinculación co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns "prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais".

O presidente, José Luis Pérez Barreiro, apela á solidariedade da cidadanía e "á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores". Ademais, lembra que durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria "recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros seguimos traballando para producir alimento e que os lineais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora −continúa− é o momento de devolver ese compromiso que nós tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento dos custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses por unha subida insostible da luz, os pensos e o gasóleo, que está a afogar ás granxas".

Os gandeiros sairán o xoves, 4 de novembro, ás 12:00 horas do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, onde presentarán por rexistro un escrito coas reivindicacións. Continuarán polas rúas da cidade ata finalizar na Subdelegación do Goberno, onde tamén rexistrarán as súas peticións. Unha caravana de tractores acompañará aos manifestantes durante o percorrido e quedará estacionada todo o día na Ronda da Muralla.

O presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se dá nos lineais dos supermercados "se traslade de forma inmediata ás ganderías que os producen. Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño", reclama. Tamén considera necesario que "se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se arrastra en Galicia, respecto da media que cobran os produtores do Estado, porque non ten ningún sentido que na comunidade onde se produce o 40 % do leite de España e cunha calidade demostrada se cobren os prezos máis baixos do Estado e da Unión Europea".