Agromuralla solidarízase coa folga de transporte que empezou hoxe

Agromuralla solidarízase coa folga de transporte que empezou hoxe

A asociación de gandeiros Agromuralla solidarízase coa folga de transporte que inician hoxe os camioneiros e mostra o seu apoio ás medidas que reclaman ás administracións públicas. "O sector do transporte por estrada atópase nunha situación parecida á que nos atopamos a día de hoxe os gandeiros, dado que a suba dos custos que se produciu nos últimos meses está a afogalos, facendo que traballen perdendo cartos. As súas reivindicacións son xustas, igual que o son as nosas", argumenta o presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro. Destaca que os transportistas "son os nosos compañeiros de viaxe, cos que traballamos día a día, pois nós producimos os alimentos e eles encárganse de achegalos aos puntos de destino para que non haxa desabastecementos e ao consumidor non lle falte de nada".

Desde a asociación explican que o encarecemento do transporte lle está afectando tamén de cheo ao sector agrogandeiro, incrementando os portes de insumos básicos, como as materias primas para a alimentación do gando. Nese sentido, apuntan que, desde o mes de decembro de 2021 ata principios de marzo, os portes dos cereais aumentaron un 16 % desde Castela e un 9 % desde o porto da Coruña. A iso, hai que engadir a suba dos cereais e do resto de materias primas. No último ano, a tonelada de millo pasou de custar 180 euros a 237 euros, que está na actualidade; a soia de 380 € a 523 € e a colza de 230 € a 460 €.

Pola súa banda, o gasóleo agrícola tamén duplicou o seu prezo, pasando de 58 céntimos na pasada campaña de ensilado de herba, a estar a 1,45 € nestes momentos. "Achégase un dos momentos de máis consumo para nós, porque chega o ensilado do raigrás e dentro de dous meses haberá que labrar o millo. Co prezo actual do gasóleo e os fertilizantes, este ano producir as nosas propias forraxes, algo fundamental para depender o menos posible das compras de insumos externos, vai ser moito máis caro para as granxas", indica Pérez Barreiro.

O presidente de Agromuralla denuncia que as explotacións están a traballar con marxes negativas: "Coas subas producidas nos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes o custo de produción das granxas disparouse neste ano, mentres que o prezo do leite permanece practicamente estancado".