Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia pon en marcha un observatorio dos prezos lácteos

Imaxe de Luís Davila enviada por Agromuralla
Imaxe de Luís Davila enviada por Agromuralla

Co obxectivo de detectar o desaxuste entre o que paga o consumidor e o que recibe realmente o gandeiro, nace o observatorio de prezos lácteos que pon en marcha Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia. Este proxecto será presentado este mércores en Lugo na sede de Agromuralla.

Este observatorio permitirá monitorizar a evolución dos prezos tanto en orixe como no liñal de venda, para extraer distintas conclusións: por unha banda, observar cara a onde van os incrementos de prezos que paga o consumidor e se realmente estes chegan ao produtor ou quedan no camiño. Por outro, coñecer o tempo que transcorre desde que se producen os incrementos que pagan os consumidores ata que se trasladan aos produtores.

Así mesmo, permitirá coñecer as marxes económicas coas que traballan os gandeiros e comprobar se os produtores ven repercutidos os custos de produción, como establece a Lei da Cadea Alimentaria. Ambas entidades utilizan os datos que consideran mínimos comparables e, no caso do consumidor, eses datos reflectirán a evolución do prezo do cartón de leite enteiro e, no caso do produtor, o prezo base do litro de leite.

A maiores, aínda que ambas entidades aspiran a formar parte do Observatorio Lácteo de Galicia que porá en marcha a Xunta de Galicia, consideran que o proxecto de decreto que o deseña nace con eivas, “en especial no relacionado ao tratamento de terceiro nivel que se dá ao máis numeroso elo da cadea”. Con todo, gandeiros e consumidores porán en marcha esta iniciativa que, con perspectiva de permanencia, pretenden que “sexa áxil e funcional”.