Aira coñece a estratexia do sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións

Aira coñece a estratexia do sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións

A cooperativa Aira acaba de coñecer a estratexia que segue o sector lácteo de Finlandia para reducir as súas emisións e potenciar a economía circular a través do biometano, entre outras medidas. En concreto, o pasado 15 de setembro, un representante de Aira visitou o país nórdico dentro do proxecto COOPID (COOPeration of bioeconomy clusters for bio-based knowledge transfer via Innovative Dissemination techniques in the primary production sector), unha iniciativa liderada e coordinada por Cooperativas Agro-Alimentarias de España.

O obxectivo do proxecto, no que tamén participan outras cooperativas lácteas de referencia en España como Central Lechera Asturiana e COVAP, é a difusión de boas prácticas agroalimentarias para a redución da pegada de carbono desde o sector primario, para a súa implementación e adaptación á realidade de cada rexión.

Neste caso visitáronse dúas granxas da cooperativa Valio, que recolle e transforma o 80 % do leite de Finlandia. Estas ganderías usan biometano producido maioritariamente de esterco e descartes de granxa para xerar calor e electricidade e/ou a súa purificación posterior a biogás comprimido para uso en vehículos adaptados. En concreto, o biometano producido nas granxas fornece a coches de particulares adaptados a CBG e ás cisternas de recollida de leite de Valio nesa rexión finlandesa.

Así mesmo, a delegación na que participou Aira estudou a estratexia de "Pegada de Carbono Cero-2035" que segue a cooperativa Valio para lograr a súa neutralidade entre emisións e fixación de carbono nese ano.