Alumnado da EFA Fonteboa coñece o CIAM

Alumnado da EFA Fonteboa coñece o CIAM

Na xornada de onte, alumnado de 1º e 2º do grao medio de Produción Agropecuaria da EFA Fonteboa visitou as instalacións do Centro de Investigacións Agropecuarias de Mabegondo (CIAM). O director da EFA, Luís García, apunta que esta visita a fan anualmente para todos os alumnos e complementa todo o que analizan de maneira individual nas súas prácticas que realizan durante seis semanas nunha explotación de leite da contorna, onde estudan todo o relacionado co sistema de produción. "Agora, co que ven no CIAM, queremos que saquen unhas reflexións sobre todo o que aprenderon", apunta. Ademais, en próximas semanas realizarán unha mesa redonda con responsables das industrias lácteas para falar sobre a valorización do leite. 

Nunha primeira parte da visita, o medio centenar de alumnado recibiu charlas de varios investigadores. Tras o recibimento de Abelardo Nimo, director do CIAM, Juan Piñeiro, investigador xubilado, fixo un percorrido desde as orixes do centro ata a actualidade. Empezou falando do primeiro espazo que tiveron en Bos, que dependía do INIA (Instituto Nacional de Investigación Agraria), polo que recibían fondos do Banco Mundial. Despois, desde 1971 a 1977 compraron todos os terreos que hai na actualidade en Mabegondo e foi no 77 cando se trasladaron e formaron o CRIDA (Centro Rexional de Investigación de Desenvolvemento Agrario), o primeiro de España. Logo, en 1983 pasaron a depender da Xunta de Galicia, como segue na actualidade. Ademais, falou sobre o tres sedes que teñen a maiores: Finca do Marco da Curra (Monfero), Finca los Robles (A Pobra de Brollón) e Leira do Pazo Cartelos (Carballedo).

Logo foi a quenda de Marcos Veiga, que abordou algúns dos proxectos que levaron a cabo no Centro de Investigación. O obxectivo é buscar un enfoque centrado na innovación dos sistemas de produción de leite que se centren en: coidado do medio ambiente, menor dependencia proteica-soberanía alimentaria, redución de inputs nas explotacións leiteiras, presenza de compostos bioactivos no leite, benestar animal (sistema de pastoreo), diferenciación de produto/proceso, economía circular, integración forestal-agricultura, competitividade e defensa do propio enmarcados abertos, competitivos e cada vez máis esixentes.

O seguinte en intervir foi Julio Enrique López, investigador que falou sobre a caracterización, recuperación e conservación da biodiversidade xenética vexetal de interese agrario en Galicia. Resaltou que as investigacións neste ámbito implican un gran labor de recolección, multiplicación e subministración dos recursos fitogenéticos. Así mesmo, presentou o banco de xermoplasma de especies pratenses que teñen no CIAM, mostra única do patrimonio xenético galego deste tipo de especies. A diversidade xenética dos cultivos e a biodiversidade en sentido amplo son indispensables para as necesidades futuras na mellora das plantas cultivadas, na biotecnoloxía, no medicamento e industria.

Para completar a visita estiveron no núcleo central e a zona de ensaios onde Marcos lles explicou como traballan para levar a cabo todos os proxectos e estudos. Ademais, os mozos aproveitaron para realizar todo tipo de cuestións como cales son as razas de bovinos coas que traballan, que se estuda sobre os sistemas de muxido ou que liñas de investigación teñen abertas relacionadas coa produción de leite, entre outras.