Adolfo Álvarez traballa na actualidade na Universidade de Wageningen de Holanda, e máis concretamente, na reestruturación de granxas leiteiras arredor do mundo para así facelas sustentables. Reunímonos con el nun evento organizado por Lely en Santiago de Compostela e nesta entrevista, publicada en Vaca Pinta 36, falounos sobre a importancia da circularidade nas explotacións, de todo o aprendido durante a súa traxectoria, da situación actual do sector e das expectativas de futuro.
En que consiste a circularidade das granxas leiteiras?
Era o que facían os nosos avós e bisavós anos atrás, o traballo en sistemas circulares. Logo, coa revolución verde, os produtores empezaron a aplicar fertilizantes e a importar comida ás granxas. Isto intensificouse a tal nivel que desembocou na problemática actual: a calidade dos solos, do aire e da auga foi decrecendo dunha maneira significativa. Se seguimos así, as futuras xeracións non van poder producir comida. Como resposta á situación, nos últimos anos xerouse un movemento ao que chamamos circularidade, que é, basicamente, facer sistemas sustentables. Así, dentro duns anos poderanse seguir producindo leite e alimentos.
Que papel desempeña o gando vacún neste movemento?
A importancia da vaca é clave en toda esta economía circular; os ruminantes son os únicos animais que teñen a capacidade de utilizar materiais que non son dixestibles para os humanos e convertelos en produtos de alta calidade. Ademais, debe recalcarse que para crear un sistema de produción de leite circular non necesitamos alta tecnoloxía, senón que podemos empezar con accións simples como rotación de cultivos, incorporación de novas especies, benestar animal ou manexo de xurros.
De que maneira pode contribuír a gandería á loita contra o cambio climático?
Nos últimos anos, moitas novas e boas tecnoloxías están xurdindo para contrarrestar o cambio climático: a robótica; o control da xeración de enerxía a través dos xurros por biogás, que agora está sendo purificado e produce gas de alta calidade; a reciclaxe de auga, moi mellorada, e a extracción de nutrientes determinados do xurro, dos que se obteñen fertilizantes orgánicos e se consegue secuestrar carbono a través de boas prácticas. Por tanto, os gandeiros téñense que decatar de que non só producen leite, senón tamén carne, coiro e xurro. De feito, este último é un produto con moitísimo valor e unha peza clave que temos para mellorar os solos e a biodiversidade.
Que nos achega a automatización nunha explotación baseada na circularidade?
A tecnoloxía sempre é boa, non hai que rexeitala, pero hai que saber utilizala de forma eficiente. Por exemplo, nos países onde hai problema de man de obra, axuda no aspecto social. Está tamén contribuíndo a controlar o uso da auga. Holanda agora ten un problema enorme coa emisión de nitróxeno; por tanto, toda a tecnoloxía que axude, benvida sexa. Outro caso diferente: en California o problema é a auga e a tecnoloxía que empregan os holandeses probablemente non lles interese demasiado, pero si a de reciclado, reutilización e mellor eficiencia no uso da auga. Entón, as tecnoloxías son sempre boas, pero dentro do contexto de produción no que nos movemos.
Algo moi importante que se debe ter en conta, cando falamos de sustentabilidade e dun sistema sustentable, é que hai que pensar sempre en tres piares: sociedade, economía e medio ambiente. O que non podes facer é manter un sistema só baseándote na economía, por exemplo. Son tres compoñentes nos que hai que pensar en calquera caso.
UNHA TRAXECTORIA ARREDOR DO MUNDO
Este enxeñeiro agrónomo especializado en nutrición animal naceu na Arxentina. Adolfo Álvarez conta cunha carreira moi ampla e interesante dentro do sector. Traballou en Galicia moitos anos e, posteriormente, estivo nos Estados Unidos (California), en Nova Zelandia e, actualmente en Holanda, na Universidade de Wageningen. Tamén formou parte dos servizos técnicos de Afriga e foi cofundador de Seragro.
O seu traballo actual céntrase na reestruturación das granxas leiteiras en todo o mundo, para facelas máis sustentables. De feito, a súa profesión está máis dirixida ao desenvolvemento dos sistemas gandeiros fóra de Europa: Asia, África, América... Busca un mellor manexo nestes territorios e a súa adaptación ás novas tecnoloxías.
Estamos nunha xornada de granxas de gran tamaño con muxido robotizado, fenómeno que se está estendendo a diversos territorios. En España, están dando o paso á robotización as ganderías con problemas de falta de man de obra. Pasa o mesmo noutros países?
Nos últimos 50 anos vimos como evolucionou a gandería. En todos os países do mundo hai cada vez menos granxas con máis vacas, é dicir, que estamos pasando de pequenas explotacións a ganderías de gran tamaño. En canto á robótica, que impulsou a súa aplicación? Sen lugar a dúbida, fíxoo o problema de man de obra; non só aquí, en Europa, senón en todo o mundo. Ademais, en sistemas pastorís, como os que hai en Nova Zelandia, a circularidade e a sustentabilidade están empezando a xogar un rol importante, porque novas tecnoloxías están axudando os gandeiros a resolver diferentes problemas.
Cando empezou vostede en Galicia tocoulle poñer en marcha a que, por definición, sería a “gandería moderna” que coñecemos hoxe na nosa zona. Que recorda daqueles tempos?
Desde o meu punto de vista persoal, foi unha gran satisfacción ser parte da revolución que houbo aquí, en Galicia. Nós podemos traer ideas, pero o que ten a última palabra é o gandeiro, que foi quen fixo o esforzo para levar a cabo toda esta transformación que se produciu nos últimos 30 anos. Como técnicos guiamos o proceso, pero o que se a xoga realmente ao crer no que ti lle dis e ao aplicalo é o produtor, que é o verdadeiro protagonista deste cambio. A verdade é que a transformación do sector que se deu en Galicia foi espectacular e eu goceino moito, aprendín, e despois apliqueino en Nova Zelandia, en Holanda, en África, en Asia…
Imaxinaba naquel momento que puidese chegar Galicia en particular, e España en xeral, a liderar a produción de leite europea?
Non, a verdade. Pasaron xa 15 anos desde que me fun a Nova Zelandia, así que quedei totalmente sorprendido do cambio en positivo que fixera o sector. Eu non vin unha evolución a este nivel en ningún outro sitio porque, aínda que os sistemas se transforman e van mellorando, todo leva o seu tempo, pero no caso de Galicia o proceso foi moi rápido.
De Galicia pasou a Nova Zelandia; tras ver o inicio da intensificación das granxas galegas, encontrouse de novo co pastoreo neozelandés. Como son os sistemas alí?
Son pastorís moi intensivos. Cando cheguei, encontreime cun momento de transformación, porque dentro dos países desenvolvidos, este é o que emite máis gases de efecto invernadoiro debido á actividade agrícola gandeira. Para ese pequeno país, onde son catro millóns de persoas, con corenta millóns de vacas e oitenta millóns de ovellas, é un reto medioambiental diminuír emisións e contaminación de auga por xurros, porque manexalos en sistemas pastorís é case imposible. Ademais, débese reducir o número de animais, tanto vacas coma ovellas. Para iso, e para manter producións, necesitas intensificar un pouco o sistema. Este proceso está levando máis tempo e é máis complexo que no caso galego, porque hai moita tecnoloxía que ten que axustarse.
Desde o punto de vista europeo, parece unha contradición que para reducir as contaminacións se intensifique un sistema. Está Nova Zelandia facendo o correcto?
A intensificación de alí non é a mesma que en Europa. Non significa que as vacas vaian pasar do pasto a estar nun establo 24 horas ao día, senón que se trata sobre todo de almacenar xurros, ademais de ter en conta as condicións ambientais, é dicir, nos días de choiva tratar de manter as vacas dentro, de recoller o xurro e de intentar distribuílo mellor. A intensificación tamén se ve desde o punto de vista da introdución de certas especies en pastos que, por exemplo, aumentan a frecuencia dos ouriños das vacas para poder repartila mellor nas fincas. Así mesmo, refírese a dar máis silo de millo e un pouco menos de pasto. É unha intensificación distinta ao que estamos acostumados en Europa, pero, ao final, trátase de reducir animais e aumentar litros de leite.
Deses 40 millóns de vacas, que producións medias están tendo agora?
Máis ou menos, 6.000 litros por vaca ao ano, mentres que en Europa estamos falando de 10.000 a 12.000. É case a metade o que produce o sistema pastoril neozelandés en comparación cos datos de aquí, pero tamén hai que recoñecer que alí teñen a metade de custos de produción que en Europa.
É máis interesante medir a rendibilidade por volume de produción ou por número de cabezas?
Esa é a gran discusión. Os do sur, os sistemas pastorís, intentan medir por vaca, pero os sistemas europeos e americanos tratan de medir por litro de leite. O lóxico é esta última opción, porque o que queremos é, precisamente, producir. O litro de leite con menos emisión é o daquela vaca que produce máis. Nunha comparación plana, a emisión dunha vaca que produce 50 litros é maior que a dunha que produce 20, pero por litro de produto producido é menor. Creo que aí é por onde imos: ter animais de moita produción. Detrás de todo isto hai, por suposto, un desenvolvemento de tecnoloxía, xenética, alimentación… que trata de reducir un pouco as emisións de metano por parte dos ruminantes, pero ao final é parte do que eles producen, co cal eliminalo completamente creo que é complicado, porque imos contra a natureza, pero controlalo e facelo máis eficiente é posible.
Que sistemas de muxido están utilizando en Nova Zelandia?
Xeralmente, son salas paralelas de espiña de pescado. As granxas grandes teñen rotativas e, nestes últimos anos, pola falta de man de obra, estanse introducindo robots.
Como é o manexo dun sistema que combina o pastoreo co robot de muxido?
Como as vacas aprenden rápido, é fácil que se adapten. Con este sistema, logran ao redor de 2,5 ou 2,8 muxidos por vaca ao día. O positivo da vaca é que é un animal de costume e necesita unha rutina. Se nós lle ensinamos o hábito de pastoreo-robot, robot-pastoreo, adáptase. É o que sempre dicimos os técnicos: a vaca aburrida é a vaca feliz e a que menos problemas nos dá.
As que están en robot teñen unhas producións máis altas que a media de Nova Zelandia? Como é a alimentación no robot nestes casos?
Na robótica neozelandesa non se usa tanto concentrado como na intensiva de Europa. O bo do robot en sistemas pastorís é que a vaca, despois de ir ao robot, vai a outra finca con pasto novo. Cada vez que se moxe cambia de localización. Sempre que vai ao robot, sabe que logo ten pasto de moi boa calidade e fresco e, á vez, recibe un plus de suplemento no robot, pero moi poucas cantidades. En Nova Zelandia dáselles un quilo por muxido como máximo, a non ser que haxa problemas medioambientais en canto a crecemento de pastos, sobre todo no verán, momento no que a produción baixa. Aí si que se lle engade algo máis de cantidade, pero en xeral os seus niveis de consumo non son elevados.
Tras a súa experiencia en Nova Zelandia, a súa traxectoria levouno ata Holanda. Cales foron os cambios máis notables que experimentou no seu traballo no paso dun país a outro?
Holanda para min foi como un reto, un cambio a nivel profesional. Agora que xa traballei con gandeiros moitísimo tempo e en diferentes sistemas, aprendín bastante e é un bo momento para compartilo ou transmitilo onde poida. A Universidade de Wageningen deume a oportunidade de facer iso ao redor do mundo, en diferentes sistemas e niveis de produción, en países como Etiopía, Somalia ou Vietnam. Digamos que foi unha nova oportunidade de dicir “por que non?”. Tal vez a semana que vén me vaia a Etiopía e transmito alí o moito que aprendín en Galicia.
É coñecedor da situación do sector en diversos países en vías de desenvolvemento. Que nos pode contar ao respecto?
Hai moita variedade en cada lugar. Nestes territorios tan pobres, basicamente non existe o sector gandeiro, senón que hai xente con vacas e punto. Logo, hai sistemas como os do sueste asiático, China, por exemplo, que se están formando moi centrados na tecnoloxía e investimento; son países sen cultura gandeira, que aínda está tomando forma agora, co cal, neste tipo de sitios, sobre todo Asia, hai que ensinarlles o que é a gandería.
En países pobres débese intentar mellorar un pouco a vida da xente que ten vacas e traballan con estas, sobre todo en África, por exemplo, onde teñen animais con moitísimo potencial, pero contan con producións ridículas. Non é fácil cambialo, pero hai que intentalo. Nestes países onde non hai nada, o pouco que fas crea un efecto moi satisfactorio. Ti vas a un gandeiro que produce tres litros de leite e, con algunhas suxestións, nun mes produce dez e podes empezar a enviar os nenos á escola, por exemplo.
Coa súa visión global do sector, como ve o futuro?
Para min hai tres grandes desafíos. Un vai ser a auga, que no caso de Galicia non vai ser un problema, pero que en xeral si será limitante, sobre todo en produción de leite. O seguinte vai a ser a enerxía e o terceiro, a emisión de gases. Estes son desafíos nos que imos ter que poñer moita énfase para tratar de mellorar, porque son tres recursos que escasean cada vez máis, así que, ou se xestionan mellor, ou se acaban.
No que respecta a isto, agora mesmo teño un par de proxectos nos Emiratos Árabes. Alí, se se segue utilizando a auga na agricultura e a gandería como ata agora, en cincuenta anos quedarán sen auga doce. É unha situación crítica. Nalgúns sitios é máis grave o problema de auga, e noutros o da enerxía. De calquera forma, estes son tres aspectos que van limitar moito as zonas de produción de leite no futuro e creo que é onde temos que enfocarnos no presente.
A IMPORTANCIA E OS BENEFICIOS DUN SECTOR MÁIS UNIDO
A unión fai a forza. Adolfo Álvarez explica que a clave para transmitirlle á sociedade a importancia de todo o relacionado co sector está en que o lobby leiteiro mundial se alíe, tanto a industria e os gandeiros, coma todos os axentes relacionados coa produción de leite. Así, poderáselle contar á xente “que é unha vaca, que é o leite, de onde vén e como se produce”, afirma Álvarez. Se se transmite unha mensaxe clara, a sociedade deixará de ver a vaca como a mala da película. “Os culpables dos problemas medioambientais somos nós, non as vacas”, aclara.
Álvarez lamenta que en España os diferentes compoñentes do sector estean separados, cousa que non ocorre noutros países. Nova Zelandia é un exemplo diso; este enxeñeiro agrónomo apunta que o 90 % do leite do país é comercializada por Fonterra, unha cooperativa gandeira. Ademais, os obxectivos da industria e do produtor son os mesmos. En Holanda pasa algo similar con FrieslandCampina, unha gran cooperativa onde os gandeiros teñen voz e voto. “Se queremos realmente xerar un cambio, deberiamos traballar xuntos. Ou todos tiramos do mesmo carro, o vai ser complicadísimo”, declara.
Precisamente, apunta que o éxito dos movementos animalistas e veganos, que están agora tan en auxe, débese ao impacto que teñen na sociedade pola forma de comunicar a mensaxe. Aínda así, son moi poucas as persoas que teñen a posibilidade de decidir que queren comer: “O 70 % da poboación mundial come o que pode”, anota. As persoas veganas, explica, seguramente poden elixir que comer e, ademais, teñen a opción de adquirir suplementos necesarios para facer que a súa dieta sexa 100 % saudable: “É certo que esta opción, desde o punto de vista medioambiental, é a que menos efectos de gas invernadoiro produce. Pero, se nos fixamos na saúde humana, hai deficiencias dalgunhas vitaminas e aminoácidos que proveñen de proteínas animais”. En países onde a pobreza é extrema non pensan neste tipo de movementos: “Cun vaso de leite durante os primeiros 1.000 días de vida, a mortalidade infantil baixa”, dita.
Así, afirma que estes movementos non son un perigo para o futuro do sector. O noso entrevistado dá cifras e datos que así o confirman. “No ano 2100, para que todo o mundo teña a posibilidade de consumir a cantidade de leite que é saudable, deberiamos dobrar a produción actual”, asevera. A maiores, cabe sinalar que, para os produtos veganos, se necesita o xurro das vacas. Por tanto, conclúe que non se podería chegar a unha poboación mundial 100 % vegana, porque non habería suficiente terra agrícola para abastecer o consumo necesario.