A acollida das dúas novas edicións da Escola Iniciación de Futuros Gandeiros, que se celebrarán do 26 ao 30 de xullo e do 19 ao 23 de agosto, foi positiva, tal e como expresan as entidades organizadoras, que son a Federación Frisona Galega e o Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. Ambos cursos desenvolveranse na finca Mouriscade de Lalín (Pontevedra), coa colaboración de Clun.
O venres rematou o prazo de inscrición, completándose o 100 % das prazas para a edición de xullo, con todo, para a de agosto, aínda queda algunha praza dispoñible; por isto, a organización decidiu ampliar o prazo de inscrición dúas semanas máis co obxectivo de completar todas as vacantes.
O custo de participar é de 200 euros, cun desconto do 30 % para os socios do Clube de Xóvenes Gandeiros. O prezo inclúe formación, pensión completa, documentación, material, seguros e gastos de organización. Para asistir, é necesario enviar o boletín de inscrición xunto co xustificante de ter realizado o ingreso.