A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) abriu o prazo de matrícula para unha nova edición dos cursos de reprodución e nutrición bovina, que comezarán o vindeiro 1 de decembro.
Para facilitar a participación de todos, Anembe configurou estes cursos cunha metodoloxía de estudo mixta, que combina unha parte de formación en liña, a través da súa aula virtual, onde os alumnos atoparán un temario completo composto por vídeos pedagóxicos elaborados por recoñecidos expertos do sector, así como material complementario, foros de debate etc., e unha parte de formación práctica presencial, desenvolvida en granxas, que permite consolidar todo o aprendido durante o curso.
Co obxectivo principal de que todas as persoas interesadas en ampliar ou especializar a súa formación en bovino poidan facelo, dispoñen de varias fórmulas de matrícula para facelo accesible tanto a profesionais que están a traballar coma a persoas que dispoñen de máis tempo. Deste xeito, manteñen abertas as posibilidades de inscrición por módulos formativos ou para o curso completo (con prácticas). As prazas en ambas opcións son limitadas.