Fieis ao seu compromiso con abordar os desafíos actuais do sector gandeiro, a Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) organiza periodicamente xornadas formativas para os buiatras do país. Entre as súas próximas iniciativas está o seminario “Saúde do ubre e nutrición: retos e oportunidades do muxido robotizado”, que se celebrará os días 23 e 24 de xaneiro de 2025 en Avilés (Asturias). Máis en Vaca Pinta 49.
O crecente interese polos sistemas de muxido robotizado puxo de manifesto a necesidade dunha formación específica. Segundo Jorge Eseverri, responsable da vogalía de Calidade do Leite de Anembe, esta tecnoloxía xera “moitas preguntas e inquedanzas” para técnicos e veterinarios. “Descoñecemos moito sobre este formato, e creo que era primordial abordalo desde a vogalía”, afirma.
Concretamente, o seminario que ofrecerán a finais de xaneiro en Avilés sobre calidade do leite en sistemas de muxido robotizado terá un enfoque dobre: a saúde do ubre e a nutrición, dous aspectos fundamentais que afectan directamente no rendemento das ganderías. Os asistentes poderán participar en presentacións sobre ambas materias, que se desenvolverán nunha única sala. Ao remate de cada xornada, haberá dúas mesas redondas paralelas para afondar en cada temática.
Ademais, as tres principais casas de robots en España terán a oportunidade de presentar as características dos seus softwares, centrados en aspectos específicos relacionados coa saúde do ubre e a alimentación. Este enfoque práctico busca non só resolver dúbidas técnicas, senón tamén “xerar un ambiente de discusión e intercambio de experiencias”, destaca Eseverri.
UNHA PROPOSTA ABERTA A TODOS E CON RELATORES NACIONAIS
A xornada contará con relatores nacionais, algo que Anembe considera clave para poñer en valor o nivel dos profesionais españois. “O potencial que teñen os veterinarios de saúde do ubre e nutrición no noso país é innovador e debemos darlles protagonismo”, asegura o portavoz da asociación.
Cómpre destacar que o evento non está limitado aos asociados de Anembe. Veterinarios non membros e outros profesionais do sector están convidados a asistir. “Anembe ten as portas abertas para todos os que queiran acudir”, recalca Eseverri, quen subliña a importancia de compartir coñecementos sobre un tema tan actual como o comportamento das vacas en sistemas robotizados.
A CIRURXÍA, TAMÉN NO FOCO
Nas mesmas datas celebrarase outro seminario organizado pola vogalía de Cirurxía de Anembe. Estará impartido por Franco Veterinarios, coñecido polas súas técnicas innovadoras, e cuxo equipo xa participou de forma destacada no Congreso Mundial de Buiatría de Madrid e no último Congreso Anembe. “Sobre este grupo recibimos feedback moi positivo respecto das súas presentacións previas, e merecen a oportunidade de amosar a súa experiencia en cirurxía bovina”, apunta Eseverri.
Este enfoque formativo reflicte o compromiso de Anembe por cubrir as necesidades dos profesionais do sector gandeiro. “O meu obxectivo á fronte da vogalía sempre foi escoitar as inquedanzas do sector en todos os aspectos relacionados coa calidade do leite, a saúde do ubre e os sistemas de muxido”, indica Eseverri.
Neste sentido, as xornadas de Avilés serán unha nova oportunidade para que os veterinarios adquiran coñecementos prácticos e aplicables no seu día a día, ao tempo que reforzan o papel de Anembe como referente na profesionalización do sector.