Aprobada a lei para a implantación do sistema de xestión da nova PAC

Aprobada a lei para a implantación do sistema de xestión da nova PAC

O Consello de Ministros aprobou o proxecto de lei que establece as normas para a aplicación da nova Política Agraria Común (PAC) en España. Segundo as directrices supranacionais, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) deberá coordinar a posta en marcha de sistemas eficaces de xestión e control que aseguren que a súa aplicación sexa homoxénea en todo o territorio nacional, evitando calquera situación discriminatoria dos beneficiarios e garantindo o cumprimento da normativa da Unión Europea no marco da PAC.

A nova PAC outorga unha maior subsidiariedade aos Estados membros, que tiveron que deseñar as súas propias intervencións para alcanzar as metas que se definan no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Esta circunstancia orixinou que aspectos anteriormente regulados na regulamentación comunitaria se deban desenvolver agora mediante normas nacionais.

No marco das actuacións para axustar a normativa a algunhas das reformas introducidas no Regulamento da Organización Común de Mercados Agrarios ( OCMA) e para cumprir os obxectivos da PAC, como a conservación da biodiversidade, ou o establecido na Estratexia Europea “Da granxa á mesa” para un sistema alimentario xusto, saudable e respectuoso co medio ambiente, regúlase o réxime sancionador noutras materias agrarias relacionadas coa PAC.

Así mesmo, é unha prioridade absoluta, tanto para o sector agrario como para o goberno, o uso sostible de produtos fitosanitarios e o uso prudente de antimicrobianos. Por iso, séguese avanzando no marco lexislativo correspondente de maneira que se poida pechar todo o proceso.

Este proxecto de lei inicia agora a súa tramitación parlamentaria co obxectivo de que se poida publicar no comezo do ano 2023, de tal maneira que os agricultores e gandeiros poidan coñecer o contido da mesma antes de presentar a súa solicitude única de axudas da campaña 2023.