Aprolep celebrou o III Encontro Nacional de Produtores de Leite en Vila do Conde

Aprolep celebrou o III Encontro Nacional de Produtores de Leite en Vila do Conde

A Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) levou a cabo onte, 3 de xullo, o III Encontro Nacional de Produtores de Leite. O evento, no cal estivemos presentes xunto con 500 gandeiros de Portugal, desenvolveuse na Sociedade Agrícola da Casa das Póvoas, en Fajozes (Vila do Conde).

A xornada iniciouse coa visita ao novo establo, construído para 300 vacas en produción. A continuación, os asistentes desfrutaron dun aperitivo e, xusto despois, houbo un debate sobre investimento, renovación xeracional e xestión na produción de leite, no que participaron Jaime Carneiro, Luís Figueiredo e Carlos Torres Maia. O acto rematou coa demostración dun carro mesturador automotriz unifeed eléctrico.

En Portugal, a produción de leite enfróntase actualmente a un conxunto de desafíos. Para asegurar o futuro do sector e reducir o seu abandono, o cal pon en perigo o abastecemento pleno do leite no país, a Aprolep reafirmou a necesidade dun prezo xusto para os produtores, capaz de pagar os custos de produción, o traballo dos agricultores e os investimentos necesarios para gañar dimensión, asegurar o benestar animal, garantir a seguridade alimentaria e o equilibrio ambiental.