Os 21 inscritos na Escola Iniciación de Futuros Gandeiros chegaron hoxe a Finca La Asunción (Touro, A Coruña) para gozar de tres días de formación teórica e práctica. A Federación Frisona Galega (Fefriga), en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia (CXG), puxo en marcha esta primeira edición, que se dirixe a mozos de entre 8 e 15 anos.
Desde hoxe e ata o venres 2 de setembro, os participantes recibirán un curso intensivo que está a ser impartido por Bonet Cid. Aprenderán sobre encamado, alimentación, doma dos animais, morfoloxía das vacas, pelado, manexo, lacado e preparación para os concursos. O venres haberá unha xornada de portas abertas na que ultimarán aos animais e realizarán unha exhibición de manexadores para os familiares dos asistentes. Ademais, Fefriga entregará distincións honoríficas.