Arzúa acolle mañá unhas xornadas sobre márketing dixital para o sector agroalimentario

Arzúa acolle mañá unhas xornadas sobre márketing dixital para o sector agroalimentario

A Fundación Juana de Vega, en colaboración coa EFA Piñeiral, organiza mañá as xornadas “Estratexias de márketing dixital para o sector agroalimentario”, que se celebrarán na sede deste centro de formación en Arzúa. A iniciativa está dirixida a estudantes e profesionais de márketing e publicidade, así como a emprendedores, produtores e transformadores agroalimentarios interesados en mellorar a súa estratexia dixital.

O programa incluirá sesións impartidas por expertos como Beatriz Ventosinos (CEO de Ahao Studio), Pablo Borrás (CEO de 2bedigital), Fernando Mosquera (responsable de performance en Esterea) e Pablo Roca (Juicer Marketing). Ademais, celebrarase unha mesa redonda centrada en casos de éxito de marketplace alimentarios galegos, con representantes de Carabuñas, Bigcrafters e Plant on Demand. A xornada completarase cun obradoiro práctico de creación de vídeo a cargo de Miguel Rodríguez, de Phill Miller.

A formación desenvolverase en horario de 9:00 a 18:30 horas e busca ofrecer ferramentas innovadoras para mellorar a promoción e comercialización no sector agroalimentario, cada vez máis influído polas tendencias dixitais.