Autoridades do Principado de Asturias amosan interese polo modelo educativo das EFAs cunha visita ao centro de Coristanco

Autoridades do Principado de Asturias amosan interese polo modelo educativo das EFAs cunha visita ao centro de Coristanco

A EFA Fonteboa, situada en Coristanco (A Coruña), acolleu durante o día de onte a diversos representantes de cooperativas e do Goberno de Asturias nunha xornada moi produtiva. Estiveron presentes no encontro María Begoña López Fernández, directora xeral de Agricultura, Agroindustria e Desenvolvemento Rural; Ignacio García Pérez, xefe de sección do Servizo de Desenvolvemento Rural; Marcos Niño Gayoso, director xeral de Reto Demográfico; Begoña López González, directora-xerente do Servizo Público de Emprego do Principado de Asturias, e Isabel Díaz Pérez, directora-xerente de Cooperativas Agroalimentarias do Principado de Asturias.

Ao comezo do día tivo lugar unha presentación, onde se lles explicou aos visitantes en que consiste o proxecto global de Fonteboa. A continuación, houbo a oportunidade de manter un coloquio con estudantes de primeiro curso de Producción Agropecuaria, onde cada un dos alumnos se presentaba, explicaba cales eran as súas motivacións para optar por este tipo de formación, o seu proxecto profesional e a súa visión do rural no futuro.

Nestas exposicións detectáronse algúns aspectos, como denominador común, que os alumnos repetían: a paixón polo rural, a consciencia da necesidade de formarse para que as explotacións sexan viables, a existencia de oportunidades de emprego no rural máis aló da produción gandeira e a alta valoración que teñen do sistema que se segue en Fonteboa. Os representantes do Principado quedaron gratamente sorprendidos da visión e da paixón que amosaron os rapaces, tal e como afirma Luis García, director da EFA Fonteboa.

Durante o horario de tarde, celebrouse unha tertulia co comité xestor da EFA, composto por antigos alumnos e empresarios da zona, e con entidades colaboradoras de diferente tipo, coma o Clúster da Madeira, a cooperativa Xallas, o GDR, etc. Tamén estivo presente o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García. 

O evento rematou cun apartado de conclusións e propostas. Isabel Díaz Pérez expresou que ve necesario iniciar algún proxecto de formación rural en Asturias. Luis García explicou que "se vai a seguir colaborando neste tipo de iniciativas de transferencia de experiencias para apoiar futuros proxectos que se queiran desenvolver".