Azucena Mora abordou as resistencias antimicrobianas no seu discurso de entrada na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

Azucena Mora abordou as resistencias antimicrobianas no seu discurso de entrada na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

O pasado xoves pola tarde, a Dra. Azucena Mora, catedrática de microbioloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo e recoñecida polas súas investigacións sobre Escherichia coli (E. coli), tomou posesión da cadeira n.º 21 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia. A cerimonia, celebrada no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, coincidiu coas vésperas do Día One Health, que se conmemora o 3 de novembro, e precedeu á Semana de Concienciación sobre a Resistencia aos Antimicrobianos.

Durante o seu discurso de toma de posesión, a Dra. Mora abordou un dos desafíos máis apremantes para a saúde global: a resistencia aos antibióticos. Desde a perspectiva One Health, que conecta a saúde humana, animal e ambiental, Mora destacou a interdependencia destes ámbitos e afondou na importancia da loita contra as bacterias multirresistentes, ao tempo que puxo de relevo a necesidade dun enfoque integral para facer fronte a esta "pandemia silenciosa".

A catedrática subliñou que esta ameaza require unha acción coordinada e global, reflectida no recente compromiso político acadado durante a 79.ª Asemblea Xeral da ONU, que establece o obxectivo de reducir as mortes por resistencia aos antimicrobianos nun 10 % para 2030.

Así mesmo, Mora enunciou os avances logrados polo Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), que teñen posicionado a España como líder na redución do uso de antibióticos nos ámbitos da saúde humana e animal. Estes logros, mencionou, son un claro exemplo do impacto positivo das políticas enfocadas na racionalización do uso de antimicrobianos.

Como parte da súa intervención, compartiu a súa experiencia na investigación de bacterias zoonósicas, como Escherichia coli (E. coli), a cal foi fundamental para comprender o risco que supoñen para a seguridade alimentaria ao transmitirse entre animais e humanos. Neste sentido, enfatizou a importancia das medidas alternativas ao uso de antibióticos, tales como as vacinas, que non só reducen a necesidade de tratamentos antimicrobianos na produción animal, senón que tamén contribúen a mellorar a saúde pública.

Para pechar a súa intervención, Mora fixo un chamamento a continuar desenvolvendo ferramentas baseadas na xenómica e na intelixencia artificial, as cales permitirán anticipar a emerxencia de novas ameazas bacterianas e optimizar as estratexias terapéuticas nun entorno global de crecente resistencia antimicrobiana.

CARREIRA PROFESIONAL

Azucena Mora é doutora en veterinaria, foi premio extraordinario de tese doutoral da USC e recibiu o premio Syva á mellor tese en Sanidade Animal (2002). O seu interese investigador céntrase nas resistencias aos antibióticos cunha aproximación "One-Health”.

Foi investigadora do Programa Nacional Ramón e Cajal de atracción de talento (2007-2012) e actualmente é Catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo e directora científica do Centro de Investigación de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET). É membro do Laboratorio de Referencia de E. coli (LREC) e dende 2023 integra o Comité Científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN). Exerce como colaboradora do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) e é Education Officer do ESCMID Food- and Water-borne Infections Study Group (EFWISG) (2024-2026).

Con máis de 25 anos de experiencia en E. coli patóxena para humanos e animais, dirixiu oito proxectos nacionais/rexionais como investigadora principal e numerosas teses doutorais e traballos científicos. É autora de máis de 100 publicacións científicas, dúas das cales foron merecedoras do Premio PRAN á mellor iniciativa de investigación nas edicións de 2018 e 2024.