O grupo de investigación BioModem, da Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), organiza o venres 21 de febreiro unha xornada técnica sobre distribución sostible de xurro dentro do marco da feira Cimag-Gandagro.
O encontro terá lugar na sala Mirador 1 na primeira planta do Pavillón 1 da Feira Internacional Galicia Abanca, situada no municipio pontevedrés de Silleda. A asistencia á cita é de balde e na organización colabora a Fundación de Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia (FIA).
Un representante da Consellería de Medio Rural inaugurará a xornada e abordará as últimas novidades normativas en relación co caderno dixital da explotación agraria e as súas repercusións sobre as aplicacións de fertilizantes.
A continuación, ás 11:30 h, terá lugar unha mesa redonda con representantes de catro casas comerciais, Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz e Valín e Durán Maquinaria, que achegarán a súa visión sobre o estado actual do mercado de tanques distribuidores de purín e o impacto das últimas regulacións sobre o mesmo.
Posteriormente, presentaranse dous proxectos que tratan sobre a incorporación de sensores que miden o contido de nutrientes do xurro nos tanques distribuidores durante a realización da aplicación. Por unha banda, PurinPreciso, que será explicado por representantes de Feuga, BioModem e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Agacal). Por outro lado, Agrolab Biogal, que correrá a cargo de BioModem e da empresa Medrar.
Por último, ás 13:00 h, pechará a xornada a intervención da investigadora Diana Andrade, pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Baviera (LfL, Alemaña).