Miguel e Lorena Fernández, xunto á súa nai, Orieta Leizán, son os actuais propietarios da SAT Romepén (Sarria, Lugo), unha gandería que apostou por robotizar o muxido en 2019 e que moxe actualmente un total de 180 vacas en tres robots GEA R9500.
Sortear a falta de man de obra, aportarlles maior benestar aos seus animais e lograr mellor calidade de vida foron os tres factores que os animaron a dar o paso de cambiar a súa antiga sala GEA AutoTandem de 10 puntos por tres robots. Á incorporación dunha máquina para as súas primíparas e de dúas para as súas vacas adultas, engadiron a monitorización dos seus animais con colares CowScout, a través dos cales conseguen controlar día a día o seu rabaño, mellorar as súas cifras de fertilidade e reducir a incidencia de enfermidades. De GEA tamén contan cun tanque vertical de 25.000 litros e cun arrimador de comida FROne.
Tanto Miguel como Lorena móstranse contentos co proceso de adaptación e satisfeitos da decisión tomada, e recoñecen que non volverían atrás. Así nolo contaron no número 33 da revista Vaca Pinta.