Da man de César Lumbreras, un dos profesionais da comunicación con maior bagaxe no sector agrogandeiro do noso país, debullamos en Vaca Pinta 30 os factores que afectarán, a curto e medio prazo, os gandeiros españois: dende as novidades da PAC ata as consecuencias da guerra en Ucraína, pasando polas últimas medidas do Goberno e a repercusión das manifestacións do campo.
Afectará o conflito ruso-ucraíno á formulación da nova PAC?
A invasión de Ucraína por parte de Rusia veu a trastornalo todo. Para min, a pregunta é se vai entrar en vigor ou non a nova PAC, que debería comezar o 1 de xaneiro de 2023. Agora mesmo, a gran dúbida é se resultará finalmente de aplicación ou se se reformará antes de facelo.
Vostede que vaticina?
Vivimos momentos de incerteza total: Italia pediu que se aprace un ano a súa entrada en vigor (ou que directamente non entre en vigor), Macron dixo que o de Ucraína o trastorna absolutamente todo e que é necesario garantir a soberanía alimentación da Unión Europea e priorizar o abastecemento alimentario en lugar dos aspectos verdes da nova PAC… Aínda hai demasiados temas por tratar como para dicir algo en firme.
Unha parte importante dos cereais que demanda España proceden de Ucraína, cuxo conflito actual provocou un forte incremento dos prezos de materias primas. É real a ameaza de desabastecemento?
É unha posibilidade que existe. A Comisión Europea e os Estados membros decidiron adoptar medidas para que os conflitos actuais, que se deben fundamentalmente a que os prezos se dispararon, non se transformen nun problema de abastecemento real. Para iso, vanse flexibilizar as normas de entrada de materias primas do Brasil e da Arxentina. Estamos no momento crucial, é necesario que esas medidas de flexibilización se adopten con rapidez e sexan eficaces.
O problema é que en América Latina están a sufrir un problema engadido que tamén acusamos aquí: a seca…
Así é. De acordo coas últimas cifras do Consello Internacional de Cereais, pecharemos esta campaña, que acaba o 30 de xuño, con 600 millóns de toneladas de cereais de existencia no mundo. É a cifra máis baixa dos últimos seis anos. En resumo, temos aumento dos custos de produción, guerra en Ucraína, seca e redución da produción, dúbidas sobre de onde imos traer cereais… Xuntouse todo na, digamos, tormenta perfecta.
Hai que valorar unha volta os pastos?
Non só se trata de pensar nunha volta os pastos, senón de utilizar toda a capacidade produtiva de alimentos (tanto para o gando como para as persoas) que ten cada Estado membro da Unión Europea. Esta situación puxo de manifesto que non podemos depender só do exterior e que é necesario aumentar a nosa capacidade produtiva. Hai que ter en conta que a alimentación animal supón carnes, ovos, leite etc. e que todo iso o acabamos consumindo as persoas, co cal, todo está interrelacionado.
Temos máis alternativas que a flexibilización das importacións destes países?
As medidas a curto prazo son flexibilizar, suavizar as normas de importación e poñer todo o potencial produtivo da Unión Europea a producir. Temos moitas terras que están en barbeito e faría falta recuperalas. Que problema hai? Pois que non se pon a producir nin se obteñen resultados dun día para o outro.
Por que un país con tantas hectáreas dedicadas a cultivar cereal coma o noso depende tanto da importación de terceiros?
En España instaurouse un modelo de gandería intensiva moi dependente das importacións de cereais, especialmente de millo. Por iso necesitamos importar moita cantidade. Non é que non sexamos eficientes, é que consumimos moito máis do que estamos en condicións de producir.
Entón, é partidario de que eliminen os barbeitos e outras limitacións para facer fronte a esta situación de excepcionalidade?
É que depende de como evolucione a guerra en Ucraína, depende do que dure, dos danos que vaia producir alí, de cando se poida recuperar o potencial produtivo de Ucraína e de Rusia… Porque hai que lembrar que se trata de Ucraína e tamén de Rusia. Agora mesmo tampouco se pode traer cereal de Rusia, en teoría, e non sabemos o que vai pasar nin canto tempo deberían estar esas medidas vixentes.
Por outra banda, a principios de ano produciuse unha forte polémica polas declaracións do ministro Garzón sobre o consumo de carne e as macrogranxas. Hai falta de unidade e comprensión entre a clase política respecto das necesidades deste sector?
Existe unha tese que mantén este Goberno, non é cousa soamente de Garzón, que se plasmou nun documento que presentou aos catro ventos o propio presidente do Executivo, que dicía que había que reducir de forma significativa o consumo de carne por parte dos cidadáns e que había que acometer unha reforma en profundidade do sistema produtivo gandeiro español (en lugar de estar tan orientado á produción intensiva, ir máis cara á extensiva). Garzón o único que fixo foi poñer en palabras o que figuraba neses textos.
Como cre que percibiu a sociedade este conflito?
O que conseguiron as declaracións de Garzón foi que se falase do que el quería. Ao final, a sociedade o que ve é que se di tanto sobre a carne que pensa: “Igual hai algún problema coa carne… ante a dúbida, vou reducir o consumo”. Estamos a falar do que queren que se fale, seguíndolles o xogo.
No que respecta ao vacún de leite, cre que estamos en condicións de referirnos a el, neste momento, como un sector económico e estratéxico para o país?
Eu creo que si. O leite é un produto estratéxico e, polo tanto, o sector que sustenta esa produción tamén ten que selo. Se non existise a gandería de vacún de leite, en España teriamos que importalo todo, e xa estamos a ver o que pasa cando necesitamos importar determinadas mercadorías: prodúcese un conflito.
Na charla que tivemos hai un par de anos en Zaragoza, apuntou cara á necesidade de que nas protestas gandeiras de principios de 2020 se incidise máis nos custos de produción. É agora o sector máis consciente disto?
Parece que si, porque nos últimos dous anos produciuse un incremento espectacular dos custos de produción e agora é o propio sector o que está a insistir na necesidade de afrontar este problema en primeiro lugar. Naquel momento, estaban en primeiro plano os prezos xustos, pero agora tamén se están abordando os problemas derivados dos incrementos dos custos de produción.
É útil a Lei da cadea alimentaria tal e como se presenta, sen dar ferramentas para calcular eses custos?
É mellor que nada, pero non vai solucionar os problemas que ten o sector. O principal fallo da citada lei é que hai sectores nos que si é fácil facer un estudo e fixar uns custos de produción, pero hai outros nos que non o é tanto. Se non tes os custos de produción, non se pode cumprir a Lei da cadea. Depende dos sectores e, dentro dos sectores, das estruturas produtivas que haxa.
Ante os últimos acontecementos, que perspectivas augura, en xeral, para o sector?
Como dicía ao principio, o que está a acontecer en Ucraína marcará un antes e un despois. Este é un sector estratéxico, comemos todos os días, e, como tal, ten futuro (polo menos, en principio), pero tamén terá que adaptarse ás novas circunstancias que se produzan.