GANDEIRO E COMUNICADOR

C. Neves: “É importante que sexamos os primeiros en falar e, se é posible, de xeito positivo”

Ante unha sociedade na que proliferan haters do sector, quizais necesitemos máis ca nunca influencers que falen en positivo do mesmo. Un deles é o portugués Carlos Neves, quen leva tres décadas escribindo sobre as bondades da vida no campo e que recentemente publicou unha recompilación dos seus mellores textos no libro Desconfinar a agricultura. Sobre a súa perspectiva do sector nos fala nesta conversa publicada en Vaca Pinta 41.

Por que decidiu empezar a escribir sobre o sector primario?
Comecei a ler moitas publicacións onde se dicían mentiras sobre a agricultura, sobre a maneira en que cultivamos os campos e criamos os animais, e pensei que era importante contar a miña historia, mostrar a realidade. Hoxe en día todos temos un móbil cunha cámara que nos permite sacar fotografías de momentos do noso traballo e compartilo. Así, podo mostrar como é o muxido, como lles dou de comer ás xatas, como realizo o ensilado do millo... A agricultura ten moitas cousas bonitas e por iso decidín deixar de rebater nas redes sociais e empezar a ser eu o que contase a nosa vida.

Os seus textos oriéntanse cara á xente do sector ou ao gran público? 
Sobre todo, gústame escribir pensando en dirixirme a persoas que formaron parte deste sector de mozos e que agora se alegran ao lembrar o que facían. Conto moitas historias do pasado, de como se realizaban antes determinadas tarefas e como se levan a cabo agora. Con estes relatos, de maneira positiva e amena, sen discutir con radicais, explico por que facemos as cousas da maneira que as facemos, por que coidamos así as vacas e criamos desta maneira as xatas...
Cando escribía no xornal local, dirixíame á xente do sector. Hoxe escribo en primeiro lugar para o consumidor, pero moitos dos que me seguen son agricultores e gandeiros e é natural que termine por haber diálogo cos colegas. Se subo unha foto bonita de millo, pregúntanme que variedade é ou pídenme opinión. Eu falo da miña experiencia e, se podo axudar, fágoo, pero sempre lles digo que non son veterinario nin agrónomo, polo que non podo dar consellos técnicos.

Fala da importancia de “ser os primeiros en falar”. Por que incide neste aspecto?  
En Portugal temos un dito que di “Candeia que vai à fronte ilumina duas vezes” [a lámpada que vai primeira refulxe dúas veces]. Penso que é importante que sexamos os primeiros en falar e, se é posible, de xeito positivo. Desta forma, chegaremos antes ao consumidor e poderemos explicar en primeira persoa os motivos polos que facemos o que facemos; por exemplo, por que e como levamos a cabo o desmochado das xatas. Se chega antes ca nós outra persoa e conta isto dando unha versión difusa da realidade, cando entremos no xogo xa iremos perdendo.


 “Temos que loitar a nivel grupal para facernos respectar, para obter unha remuneración xusta e para garantir a remuda xeracional”

En Desconfinar a agricultura recolle unha selección de textos, os cales repasan un amplo abanico de temas relacionados coa gandería e a agricultura. Que criterios seguiu para a súa elección?
O libro é unha continuación do meu blog e da miña páxina de Facebook. Antes de pensar nesta obra, algúns amigos dicíanme que os meus textos eran bos, que debería publicalos. Por iso, dediquei un tempo a facer unha selección de entre todo o que tiña no blog e nas miñas redes. Elixín os que me parecían máis educativos. 
Quixen empezar falando da agricultura e a familia, do que aprendín coa miña avoa, porque a maioría das ganderías son negocios familiares e creo que é importante que os que compran o noso leite saiban que hai familias que se están encargando de producilo.
Tamén abordo o pasado para que se entenda como se foi evolucionando. Do mesmo xeito que os consumidores antes lavaban a roupa ou os pratos a man e hoxe teñen máquinas para facelo, o mesmo ocorre co noso traballo.

Falo de agricultura, de cultivos, de maquinaria, interésanme tamén especialmente a seguridade no traballo e todo o relativo ao coidado do medio ambiente...  Ao final, estou a resumir todo o que abarca o noso traballo.



Na introdución di Assunção Cristas que, para vostede, familia e produción leiteira son as dúas caras da mesma moeda. Que tanto hai de certo nisto?
Así o creo, si. Como dicía, a gran maioría das ganderías están xestionadas por familias, e é moi difícil que alguén de fóra do sector entre nel. Primeiro, por cuestións económicas, porque se queres empezar a producir debes ter algo do que partir, aínda que sexan unhas poucas vacas e un tractor. Segundo, porque este é un sector que require de moita dedicación e é algo máis fácil de asumir se creciches neste sistema, se tes normalizado, por exemplo, que ás vacas hai que muxilas todos os días do ano. 
O consumidor escoita falar moito da “industria da carne”, ou da “industria do leite”. Úsase a palabra  “industria” como algo negativo. En contrapartida, creo que usar a palabra “familia” é algo positivo e que non falta á realidade.

É complexo hoxe en día transmitirlles o respecto e a paixón pola profesión aos máis pequenos para garantir a continuidade desta actividade? 
En ocasións si resulta difícil, porque nós mesmos somos demasiado pesimistas, dicimos que esta vida é dura, que non é o que queremos para os nosos fillos e empurrámolos para fóra do sector. Dicímoslles que se busquen un traballo mellor, pero en realidade calquera deles ten aspectos arduos.
Por iso insisto en que temos que tratar de transmitir a paixón polo que facemos e a nosa intención por mellorar en calidade de vida. Poñemos un robot de muxido, compramos un tractor con aire acondicionado ou buscamos a maneira de descansar máis para mellorar as condicións laborais.
Neste sentido, é interesante interactuar en redes sociais e participar en asociacións que organicen concursos morfolóxicos, actividades, feiras etc. Desta maneira, os máis novos, e tamén os demais, poden ver que non están sós.
Temos que loitar a nivel grupal para facernos respectar, para obter unha remuneración xusta e para garantir remuda xeracional. Debemos buscar unhas condicións que fagan que eles teñan interese en traballar no sector.


 “Con radicais ou detractores do sector o mellor é non dar opción a debate: bloqueámolos e seguimos coas nosas vidas”

No seu libro figuran unha serie de relatos escritos polo seu pai e polo seu fillo. É cousa de familia o de combinar a gandería coa literatura?
Podería dicirse que si. O meu pai, que faleceu hai un par de anos, nunca publicou nada, pero el falaba moi ben, e atopei algúns textos que escribira. Este libro foi unha maneira de homenaxealo. Sei que algunhas das súas historias serán moi interesantes para xente da súa xeración. Ao meu fillo tamén lle gusta escribir e empezou levando un diario. 

Os seus relatos divídense en tres tempos: o pasado, ligado ás anécdotas que conta sobre os seus pais; o presente, relacionado coas súas propias vivencias, e o futuro, que protagonizan os seus fillos. Tendo isto en conta, de que maneira cre que evolucionou o sector?
O sector cambiou moito. Hoxe temos máis calidade de vida. Temos robots, tractores máis equipados, máis maquinaria, un establo mellor acondicionado... Por todo iso, o traballo é cada vez máis levadío. O que empeorou é a parte psicolóxica: temos máis estrés, unha sociedade máis crítica co que facemos e entre os gandeiros ás veces hai moito pesimismo, sobre todo entre os máis maiores. Parece que todo fose acabar, e iso non é así, a vida segue, nós somos só un elo da cadea. Por iso digo que cos meus escritos procuro dar unha perspectiva positiva, sobre todo para os máis maiores. 

Como se deben afrontar as críticas que chegan, na súa maioría, das zonas urbanas?
En ocasións somos nós mesmos os que creamos esa loita entre o rural e o urbano, entre pequenas poboacións e grandes cidades. Creo que é unha concepción errónea. Moitos dos nosos consumidores, os que compran a carne ou o leite que producimos, están nas cidades. Non podemos ser nós os que levanten esa barreira, esa separación con eles. Deberiamos ir ao seu encontro e establecer unha boa relación. Con radicais ou detractores do sector o mellor é non dar opción a debate: bloqueámolos e seguimos coas nosas vidas. A maioría dos consumidores respectan os gandeiros e teñen unha visión positiva da agricultura, e é con eles cos que temos que establecer a conversación. 


A PRODUCIÓN E A COMUNICACIÓN, DOUS INTERESES QUE VAN DA MAN

“Gústame máis escribir que falar, porque me resulta máis fácil resumir escribindo”, ri Neves, quen apunta que, hoxe en día, a comunicación é coma un bolo de bolacha: ten que ter de todo.

“A min sempre me gustou moito falar e comunicar”, afirma. Empezou a escribir con 18 anos, elaborando artigos para unha revista local, así como para o xornal de Vila do Conde, onde publicaba mensualmente unha páxina de agricultura.

Posteriormente, incentivado pola Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep), introduciuse no mundo das redes sociais. “A miña vía principal de comunicación é a miña páxina de Facebook, así coma o blog”, conta, á vez que explica que tivo que aprender a redactar para este tipo de plataformas: as redes piden textos máis breves, imaxes rechamantes e mensaxes moi directas. O sistema de sementeira do millo, que é un FAO 600, que volume de patacas recolleron na última campaña ou como axudan os seus fillos nas tarefas da granxa son algúns dos temas que aborda nos seus escritos.