Os investigadores Ramiro Fouz e Liliana Fadul charlaron sobre varios temas de actualidade que afectan directamente ao rendemento dos animais en ganderías con robot de muxido: os seus picos de produción, os riscos que leva unha produción máis elevada nos primeiros 60 días de lactación ou as últimas tendencias xenéticas para lograr mellores resultados.
Liliana Fadul, analista de datos en Lactanet (Canadá), participou no último Congreso de Anembe con dúas conferencias nas que desenvolveu dúas temáticas: unha, sobre clasificación das vacas segundo o seu rendemento nos sistemas de muxido automático e, outra, centrada na comparación do pico de lactación de vacas en sistemas de muxido automático e tradicional.
O centro canadense onde traballa, ademais de levar a cabo o control leiteiro das explotacións, tamén realiza as avaliacións xenéticas e conta con catro laboratorios a nivel nacional nos que procesan as mostras de leite de todo o país, duns 7.300 produtores. A maiores, un equipo de innovación de 20 investigadores con experiencia en distintos ámbitos axuda e dálles soporte, non só internamente a Lactanet, senón tamén a produtores e á industria. É o equipo ao que pertence Liliana Fadul.
A IMPORTANCIA DOS PICOS DE LACTACIÓN
Comprobar os comportamentos das nosas vacas á hora de alcanzar os seus picos de lactación e revisar as diferenzas que pode haber entre primíparas e vacas adultas e entre os sistemas de muxido son temas que puxo sobre a mesa o investigador Ramiro Fouz.
“O que se reportou na literatura é que os primeiros 60 días de lactación en robots as vacas chegan a producir case un 55 % máis que no muxido convencional; agora ben, tamén teñen máis risco de sufrir de cetose, 1,4 veces máis”, subliña Fadul.
A hipótese de que este rápido incremento supoña un risco fai que se deba ter moi en conta á hora de manexar as nosas produtoras, para axudar a previr ou, polo menos, a diminuír esta incidencia.
A investigadora enumerou varias prácticas básicas coas que sortear este problema: “Sabemos que nese período crítico de 60 días é importante aumentar a densidade enerxética específica para esas vacas e o robot dános a oportunidade de proporcionarlles un concentrado específico a eses animais. En segundo lugar, o que nos pode axudar é adestrar as primíparas, que unhas semanas antes do parto recoñezan e vaian pasando pola zona de muxido. Por último, outra recomendación que coñecemos é a achega do tipo de concentrado, pois sabemos que o alimento moído vai restrinxir o consumo. Nese momento o que queremos é que o animal realmente consuma para que estea a cubrir as súas necesidades”.
Por outra banda, Fouz tamén preguntou sobre a relación que podería haber entre os picos de lactación e a persistencia da produción.
“As curvas de produción en robot sempre van estar un pouco máis arriba que as do muxido convencional, pero de momento non atopamos relacións entre a persistencia e os picos”, argumenta Liliana.
SELECCIÓN DAS VACAS PARA ROBOT
Tanto en Galicia como en España o número de ganderías con muxido robotizado está a incrementarse e froito deste proceso de robotización é a necesidade de desenvolver ferramentas que nos permitan saber que vacas son máis eficientes para este sistema de muxido.
Precisamente, desde Lactanet de-senvolveron unha ferramenta a petición dos produtores para clasificar as vacas en función do seu rendemento no robot. Como a comparativa entre primíparas e multíparas podería dar lugar a erros, traballaron co profesor da Universidade de McGill (Montreal), Roger Cue, para perfeccionar o sistema e que todas as vacas se puidesen medir sobre unha mesma base.
“Feito o axuste –remarca Liliana–, o algoritmo o que fai é que cada semana xera automaticamente un reporte onde os gandeiros poden ver a eficiencia das súas produtoras, tanto por kg de leite como por dólares de leite producido, sobre dúas variables: a velocidade de muxido e o tempo de preparación no robot, o que chamamos box timing en inglés”.
Pódese dar o caso de que vacas con moi boas producións non sexan eficientes para o muxido robotizado. “Un animal pode dar 40 kg ao día, pero, se pasa moitas horas no robot, quizais non sexa o noso mellor aliado”, aclara. “Aquela que produce o mesmo na metade de tempo de estancia en robot –engade– será moito máis aconsellable para a nosa gandería”.
En definitiva, como apunta Fouz, é fundamental buscar a eficiencia das vacas e tamén do propio robot.
Neste sentido e grazas a este tipo de datos, os gandeiros tamén poden mellorar a súa selección xenética, porque poden saber de certo de que vacas queren ter máis fillas produtoras. “É un proceso que non se fai da noite para a mañá, pero, grazas a este tipo de ferramentas, podemos ir seleccionando os animais que mellor se adaptan a este sistema de muxido”, resume a científica.
Entre os caracteres específicos para robot de muxido si se ve que o interese aumenta cada vez máis cara á velocidade de muxido. Segundo Ramiro Fouz, “mesmo máis que cara á produción ou ás calidades. Téndese a buscar vacas que non teñan nin moita velocidade nin que sexan moi lentas”.
Ao que engade Liliana Fadul: “En Europa, sobre todo en Suíza, avanzouse moito nun novo concepto, que denominamos milkability ou milkhabilidad”. Consiste na combinación da velocidade do muxido e o temperamento das vacas, porque, á parte de buscar unha velocidade apropiada, é moi importante que non sexan moi nerviosas para que o tempo de preparación para o muxido non se prolongue moito.
Ata hai pouco, a conformación do ubre era o aspecto máis importante na selección xenética das ganderías robotizadas e, agora, imos camiñar cara a este concepto. “O noso equipo xenético interno vai comezar a explorar neste asunto desde xa”, finaliza a científica.