A. Castillo: "Se manexamos ben, podemos consumir carbono de orixe fósil en sistemas de produción de leite e ser carbono positivo para o ambiente"

Alejandro Castillo, enxeñeiro agrónomo da Univerdidade de California (EE.UU),  foi o encargado de pechar a xornada matutina das XIX Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro, recollidas no número 35 de Vaca Pinta, cunha exposición sobre o cálculo de requerimientos minerais en vacas lactantes de altea produción ou dos excesos de minerais na dieta, entre outros.

 

En que consiste o axuste de antagonismos de minerais?

Unha das cousas que os nutricionistas non faciamos ata hai pouco, porque non había información, era axustar os antagonismos. Só axustabamos as deficiencias. Un exemplo típico de antagonismo é o do potasio e o magnesio, que se usan moito en vacas leiteiras preparto. Cando hai excesivas cantidades de potasio, este non deixa absorber o magnesio e iso desencadea toda unha serie de problemas. Agora resolvelo é moi simple, hai ecuacións matemáticas que nos permiten axustar a cantidade de magnesio que debemos agregar á dieta para equilibrar o antagonismo co potasio. No últimos dez anos traballamos así, polo que é algo relativamente novo. De feito, os antagonismos aínda non están incorporados nos programas de nutrición animal, pero xa se está traballando niso.

Como se traballa cos programas de nutrición animal a nivel global?

Como en moitos países non hai información sobre a calidade das forraxes e dos subprodutos, os nutricionistas tendemos a utilizar unha marxe de seguridade, a agregar un pouco máis de minerais para compensar o descoñecemento que temos dalgúns alimentos. Úsanse táboas, pero en moitas ocasións hai que facer analíticas novas para poder axustalas correctamente e que estean máis próximas á realidade dun país ou dun alimento concreto. Nos últimos anos tamén se axustaron novas técnicas de análises apoiadas por empresas privadas que provén un servizo moi rápido (por exemplo, nun proxecto que estamos a desenvolver con Seragro traballamos con Rock River) e, ademais, temos maior facilidade para acceder aos datos en curtos períodos de tempo.

A que factores se lles presta atención para determinar en que medida a excreción no esterco deses minerais está a ser prexudicial para o medio ambiente?

No ano 2007, en California implementáronse leis ambientais relacionadas co nitróxeno, xa que era o problema máis grave. Anos despois, comezamos a ver que, se nos baseabamos soamente no requirimento de nitróxeno dos cultivos e aplicabamos o esterco unicamente con ese criterio técnico, estabamos sobreaplicando minerais.  Por mor diso, fixemos estimacións concretas do impacto que poden ter os minerais sobre a contaminación dos chans, na auga subterránea, e a idea hoxe é integrar a nutrición animal na nutrición do chan, é dicir, a vaca produce esterco, ese esterco debe ser balanceado, non soamente o nitróxeno senón tamén os minerais, para ser aplicado ao chan en función do requirimento dos cultivos e a convulsión química mineral deses cultivos vai á vaca novamente. Desa forma lógrase un control integrado do balance de cada mineral para minimizar o seu impacto ambiental.

Cales son os beneficios da redución de metano co uso de taninos?

Todas as plantas deste planeta producen taninos; son antibióticos naturais. Para evitar o uso de antibióticos artificiais, químicos, están a usarse estes extractos vexetais e, neste caso en concreto, para controlar certos grupos de bacterias a nivel ruminal e, desa maneira, reducir as emisións de metano. Son estudos moi complexos e interesantes; hai moita xente dedicada a minimizar o impacto ambiental das vacas con grande éxito. Hoxe sábese que se manexamos moi ben a alimentación e as vacas mesmo podemos chegar a consumir carbono de orixe fósil nos sistemas de produción de leite e non soamente ser carbono neutral, senón carbono positivo para o ambiente.

É máis grave o impacto das macrogranxas como as que traballan en Estados Unidos en comparación coas gandarías que podamos ter aquí?

É importante saber que o impacto ambiental dos sistemas de produción avalíase primeiro por litro de leite producido e, posteriormente, polo sistema. No que se refire a litro de leite producido, unha gandaría de pastoreo, na que as vacas producen menos que nunha intensiva, contamina máis. No que respecta ao sistema, claramente os intensivos por litro de leite son menos contaminantes que os extensivos. Neste ámbito tamén hai que ter en conta os balances de nitróxeno e de minerais, pero nisto avanzouse moitísimo e, como dicía antes, se integramos correctamente a nutrición animal coa do chan, podemos chegar a ter mesmo balance cero ou consumir nutrientes doutros sistemas para minimizar o impacto ambiental.