"Melloremos a sostibilidade das explotacións con boas prácticas na xestión do xurro" é o título da xornada técnica que organiza o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para o venres 25 de novembro. O evento terá lugar de forma presencial no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que se sitúa en Abegondo, A Coruña. A maiores, tamén se celebrará en formato telepresencial, con conexión a través da aplicación WEBEX. O día previo enviarase un correo electrónico co enlace para poder seguir as presentacións.
Os obxectivos da xornada son adaptar as prácticas de xestión do xurro ás novas normativas; dar a coñecer aquelas prácticas na aplicación de xurros que incrementan a eficiencia na utilización dos nutrientes, diminúen o impacto ambiental e melloran a saúde e a fertilidade dos solos e, finalmente, incrementar a competitividade das explotacións a través do reciclado do xurro e a redución nas entradas dos fertilizantes minerais.
O evento prolongarase durante toda a mañá, na cal haberá varias intervencións e unha mesa redonda. A xornada diríxese principalmente aos gandeiros de vacún ou persoas con expectativas de incorporación. Para inscribirse será necesario descargar as solicitudes en www.ciam.gal e deberanse remitir por correo electrónico a ciam.cmr@xunta.gal. Hai que indicar na parte superior da solicitude se a asistencia será "Presencial" ou "Telepresencial". Admítense solicitudes ata as 12:00 h do día 24 de novembro.