O enxeñeiro electricista e consultor xeobiólogo Luc Leroy impartirá un ciclo de conferencias na provincia da Coruña, que empezan hoxe. Leroy traballa na actualidade en proxectos de instalación de robots e na mitigación dos efectos negativos das liñas de alta tensión e eólicas.
Hoxe celébrase a primeira sesión no municipio coruñés de Oza-Cesuras, que forma parte do Plan de Formación do Agro 2022 de Agacal. Na parte teórica tratarán o benestar animal, a contaminación eléctrica e de onde provén, ademais de visualizar exemplos de diagnóstico en granxas. Pola tarde, haberá unha demostración in situ na que se realizará un diagnóstico e empregaranse os medidores.
Mañá, trasladarase ata o local social de Cabanas, na Baña, para tratar a produtividade e a contaminación electromagnética nas granxas. Explicará que é a contaminación electromagnética, mostrará as fontes de contaminación nas instalacións e con exemplos de diagnóstico exporá melloras produtivas que se logran evitando este tipo de contaminación. Como na xornada de hoxe, os asistentes contarán cunha demostración en granxa.
Así mesmo, para finalizar a xornada ofrecerá unha charla sobre os eólicos e as afeccións ás ganderías. A sesión será na Casa da Cultura de Mazaricos a partir das 19:00 horas.