A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, terá lugar na Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda, Pontevedra) do 20 ao 22 de febreiro de 2025. Así o decidiu o seu comité organizador nunha reunión mantida esta mañá no recinto feiral.
No encontro tamén se analizaron os resultados da pasada convocatoria e abordáronse outros aspectos relativos á organización do certame en 2025, de cara a comezar proximamente a súa comercialización.
A reunión estivo presidida por Joaquín Macho, secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, e contou con representación de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no sector.
O rexional deste ano, en Santa Comba
O XXXII Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga celebrarase este ano entre o 23 e o 25 de febreiro en Santa Comba. O programa da vindeira cita frisona contará co concurso de pelado durante o venres pola tarde, coa celebración das seccións de xatas, xovencas e vacas ao longo do sábado 24 e co certame de manexadores, a mañá do domingo.