CLUN presenta o novo leite Únicla A2, máis dixestivo, saudable e avalado por científicos

CLUN presenta o novo leite Únicla A2, máis dixestivo, saudable e avalado por científicos

A cooperativa rural galega CLUN presentou esta mañá na súa sede de Ames a nova variedade de leite Únicla A2, un produto que mantén a calidade e o sabor característicos da marca, pero co beneficio adicional de ser 100 % A2. Este leite provén de vacas cunha dotación xenética A2A2 e alimentadas de maneira completamente natural, o que permite unha mellor dixestibilidade e maiores beneficios para a saúde.

O evento contou coa presenza de autoridades, expertos en nutrición e saúde, e membros da cooperativa. O presidente de CLUN, José Ángel Blanco, destacou o esforzo da cooperativa en ofrecer produtos innovadores e saudables: “É un leite para que toda Galicia se sinta orgullosa de sermos capaces de desenvolver un produto coa súa innovación, calidade e propiedades”. Pola súa banda, o director xeral, Juan Gallástegui, subliñou a aposta pola incorporación do coñecemento á actividade gandeira para beneficiar toda a cadea de produción.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, resaltou o compromiso de ÚNICLA coa calidade do seu leite: “Síntome inmensamente orgullosa do sector lácteo galego. Estase a facer un gran traballo para ofrecerlles o mellor produto aos consumidores. E, neste proceso, a investigación é unha parte esencial para medrar e ser máis competitivos no medio rural”. Sobre o leite Únicla A2 presentado neste acto, Gómez valorou que a industria láctea se caracteriza por estar á vangarda en investigación para mellorar as calidades que, de por si, xa ten o leite, e tamén para adaptarse á demanda dun mercado cada vez máis esixente.

Desde o sector académico, expertos como Ismael Martínez, responsable de innovación de CLUN, e Alberto Cepeda, catedrático en Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, expuxeron os beneficios do leite A2 para a saúde. Estudos recentes demostraron que o seu consumo axuda a mellorar a dixestibilidade, reducir a inflamación, mellorar o metabolismo lipídico e favorecer a saúde cardiovascular e cerebral. Ademais, segundo a investigadora Cristina Fente, observouse que a súa inxesta mellora a calidade do leite materno en mulleres lactantes.

O compromiso medioambiental de CLUN tamén foi resaltado no evento. Almudena Hospido, catedrática de Enxeñaría Química da USC, subliñou que Únicla A2 non só é beneficiosa para a saúde humana, senón tamén para o medio ambiente, xa que a súa produción reduce as emisións de metano.

Con este lanzamento, CLUN reafirma a súa aposta pola innovación, a sustentabilidade e o benestar animal, ofrecendo aos consumidores un leite de alta calidade con beneficios adicionais para a saúde e o entorno.

Sobre o prezo do leite

En relación cos prezos, insistiu en que é “imprescindible” que todos os axentes da cadea de valor do leite traballen conxuntamente para que os produtores perciban unha remuneración axeitada polo seu labor, que lles permita cubrir os custos de produción e ter marxe de beneficio. E reafirmou o compromiso de traballo da Xunta nesta mesma liña.

Por iso, engadiu, a Xunta recibe con agrado a suba de entre 1 e 3 céntimos por parte dalgunhas empresas aos produtores, malia que tamén advertiu que o Goberno galego “non se resigna” a que o leite galego teña, tanto pola súa excelente calidade como polas súas condicións hixiénico-sanitarias, un prezo máis baixo que noutras comunidades. Polo tanto, remarcou, “non pararemos ata conseguir reducir o diferencial”.