Os socios da cooperativa CLUN reuníronse hoxe en Asemblea Extraordinaria en Melide para elixir o consello reitor da cooperativa durante os próximos catro anos. A candidatura encabezada por José Ángel Blanco Purriños obtivo o 85 % dos votos dos participantes.
Esta lista foi a única que se presentou á asemblea e está formada por José Ángel Blanco (presidente); Carmen Rodríguez (vicepresidenta); Pablo Costoya (secretario); Jesús Antonio París (vogal); José Manuel Couto (vogal); Jesús María Pena (vogal); Faustino Díaz (vogal); Javier Teixeiro (vogal), e Faustino López (vogal).
A candidatura reflicte a idiosincrasia da cooperativa, xa que está integrada por representantes de explotacións de menor e maior tamaño provenientes das distintas zonas territoriais onde traballa CLUN, que está presente en máis de 80 concellosgalegos. Ademais, responde a un criterio de equilibrio respecto áorixe da representación, debido a que na lista hai integrantes que proceden de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, as cooperativas orixinarias que conformaron CLUN fai cinco anos.
Todos os membros do novo consello reitor xa formaban parte do órgano de gobernó con anterioridade á votación celebrada hoxe. No seu nome e no propio, José Ángel Blanco Purriñosagradeceu a confianza das socias e socios de CLUN pola reelección e sinalou que esta confianza “non é polo feito estes anos senón polo moito que aínda temos que facer”.
Blanco Purriños é presidente de CLUN desde que esta empresa social se formou en 2017 tras a suma das cooperativas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Unha unión que supón “estar máis equipados que hai cinco anos para facer fronte ás dificultades e nunha situación de vantaxe por ter os deberes feitos”, sinalou o presidente electo, que comprometeu todos os esforzos do consello reitor para acadar “que mereza a pena dedicarse a este sector e que mereza a pena pertencer a CLUN”.
O presidente da cooperativa comprometeuse a “corresponder o apoio recibido das socias e socios con dedicación, lealdade ao proxecto, honestidade e transparencia” para “dar a maior estabilidade ás socias e socios nun momento de inestabilidade dun sector que, de por si, sempre é inestable”.
Así mesmo, a cooperativa CLUN reafirmou o seu compromiso co sector e cun rural galego “do que se poida vivir e no que se poida vivir”. “Estamos convencidos de que dedicarse ao gando ou ao campo pode ser rendible”, sinalou Blanco Purriños, que reivindicou que, “nun mundo globalizado, pódese competir cun proxecto 100 % galego como é CLUN” porque “con Feiraco, Únicla e Clesa somos quen de dar aos nosos clientes a máxima calidade sen que todo o proceso saia de Galicia”.