A cooperativa CLUN e Fefriga (Federación de Frisona Galega) asinaron onte o convenio de colaboración polo que a cooperativa patrocina os concursos de novos manexadores e preparadores e a escola de xóvenes gandeiros.
No acto de sinatura, que tivo lugar na sede de CLUN en Ames, rubricaron o acordo o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e o presidente de Africor Lugo e de Fefriga, Manuel Sandamil. Estiveron acompañados polos presidentes de Africor da Coruña e de Pontevedra, Fernando Suárez e Jesús Manuel Manteiga; polo director de Agro-gandeira de CLUN, Ángel Miranda, e pola directora de Marketing, Jessica Rey, quen presentou a cooperativa. Seguidamente, o grupo realizou unha visita ás instalacións da fábrica de leite de Feiraco.
Os presidentes de CLUN e de Fefriga coincidiron en valorar moi positivamente esta sinatura e a implicación de ambas entidades no asentamento de poboación no rural en Galicia. "Queremos que os nosos fillos e netos poidan seguir coa nosa actividade. Esperamos que esta sinatura continúe e se incremente nun futuro", explicou Manuel Sandamil.
Pola súa parte, José Ángel Blanco manifestou o compromiso desta cooperativa co rural, co sector lácteo e con todo o sector primario galego: "É importante para nós reivindicar o rural e que a mocidade coñeza ben este traballo para construír unha canteira, en definitiva, un relevo xeracional".