O Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, xunto coa Federación Frisona Galega (Fefriga), poñen en marcha un novo certame puntuable de preparadores e de manexadores, que se dividirá en tres fases. Así pois, terá lugar en tres dos certames celebrados na comunidade galega este ano: Concursos de Preparadores e de Manexadores de Santa Comba, Concursos de Preparadores e de Manexadores de Muimenta (Moexmu) e Concursos de Preparadores e de Manexadores de Feiradeza.
Poden participar neste Puntuable os mozos e mozas de idade comprendida entre os 8 e os 25 anos. Para a puntuación final, terase en conta a acadada unha vez computados os 3 mellores resultados obtidos nos concursos que forman parte deste Puntuable.
Unha vez rematadas as tres fases, outorgarase premio especial ao campión e subcampión absoluto en función da súa idade, tendo así dúas seccións diferenciadas: o campión e subcampión júnior (ata 15 anos inclusive) e o campión e subcampión sénior (16 anos ou máis). Os gañadores viaxarán a Bélxica para participar nun certame a nivel europeo.
O obxectivo deste iniciativa, que contará coa colaboración e co patrocinio de Clun, é fomentar que continúe a participación neste tipo de eventos e que os máis novos sigan aprendendo.