Os gandeiros de vacún de leite do sur de España non aguantan máis. Están a atravesar unha situación moi crítica porque os custos para alimentar os seus animais no último ano incrementáronse nun 35 % e puxeron en marcha na plataforma change.com esta petición na que reclaman un prezo xusto para o seu leite.
Aseguran que a industria láctea e a distribución séguelles pagando o mesmo polo litro de leite que hai 27 anos, o que está a provocar que se pechen cada vez máis ganderías e que os gandeiros que se manteñen en pé estean afogados.
Os gandeiros e gandeiras de vacún de leite do sur de España, o único que queren é vivir dignamente do seu traballo, e para iso defenden que é necesario recibir un prezo xusto polo leite. Para poder conseguir este obxectivo, o prezo que ha de ter -din- un litro de leite no lineal do supermercado debe ser mínimo de 0,80 €.
De non ser así, alertan de que o leite de vaca producido no sur de España está en perigo de extinción. Piden o apoio para que miles de familias poidan seguir mantendo os seus postos de traballo para proporcionar leite fresco e produtos lácteos cada día. "Se a industria e a distribución seguen baixando os prezos, as nosas ganderías e o teu leite de cada día producido de forma local están abocadas a desaparecer", rematan.