Os irmáns Manuel e Adrián García herdaron a gandería de vacas de leite dos seus pais e desde a súa entrada na granxa non pararon de crecer. O aumento constante en número de animais e o paso aos tres muxidos nunha sala de 12 puntos fixeron que tivesen que cambiar a sala antiga e decantarse por unha das tres alternativas que tiñan: robots, sala rotativa ou sala convencional.
Con seis empregados e 390 vacas en muxido decidiron que a mellor opción fronte ás súas circunstancias era a sala Magnum Vertical Lift de GEA, unha sala de estrutura robusta, saída rápida en guillotina e equipada coa última tecnoloxía de GEA.
Á sala sumaron un proxecto completo de renovación no que incorporaron os colares CowScout, un flushing para a limpeza da sala de espera, un empuxador de vacas Cowmander 015 para axilizar o muxido, un arrimador de comida FRone e un chiller de frío instantáneo.
Despois de dez meses de traballo con todos os sistemas GEA, lograron reducir en dúas horas e media cada muxido, aumentaron en produción de leite e cos datos que lles achegan os equipos recoñecen que se adiantan a enfermidades, que logran mellorar o apartado de reprodución e que o traballo diario é moito máis organizado e ameno.
De todo falamos con eles en Vaca Pinta 27, ademais de coñecer a opinión do seu veterinario, Alejandro Suárez, e os seus nutrólogos, Alexandra Correa e Pelayo Méndez.