NA GRANXA | CASA LEONARDO (ASTURIAS)

Continuidade para o proxecto familiar

Os pais e os avós de Juan Carlos González, actual presidente de Anembe, dedicaron as súas vidas á gandería e, tras a súa xubilación, o veterinario e os seus tres irmáns quixeron darlle futuro á granxa sen apostar polo crecemento, pero si pola incorporación dos últimos avances e as novas tecnoloxías. Vémolo en Vaca Pinta 38.

Localización: Corvera (Asturias)
Propietarios: José Manuel, Juan Carlos, Luis Javier e Mimi González
N.º total de animais: 100
Vacas en muxidura: 55
Media de produción: 43 kg/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 4,01 %
Porcentaxe de proteína: 3,20 %
RCS: 130.000 cél./ml
Venda do leite: Central Lechera Asturiana

Nos anos 60 Casa Leonardo, situada na localidade asturiana de Corvera, contaba cunha ducia de vacas, pero a chegada da fábrica de Ensidesa a Avilés provocou unha gran demanda de alimentos para o consumo dos traballadores e a gran maioría das granxas da zona especializáronse na produción de leite. “A nosa non foi unha excepción e nese momento comezouse coa produción en maiores cantidades ata que nos 80 chegaron a producir uns 140.000 litros”, lembra Juan Carlos González.
Na actualidade, Juan Carlos e os seus tres irmáns, José Manuel, Luis Javier e Mimi, manteñen un rabaño dunhas 100 cabezas, das que moxen unhas 55 vacas nun único robot. 
A presión urbanística da zona, en pleno centro de Asturias, liña de costa e a medio camiño entre Avilés e Xixón, púxolles as cousas difíciles en canto á xestión de base territorial e apostaron por “unha explotación moi intensiva, con poucos animais e moi produtores” na que aproveitan os recursos que teñen e compran o que lles fai falta.


COMODIDADE PARA OS ANIMAIS
Todo xira ao redor dunha instalación, a orixinal, que foron adaptando aos poucos con diversas modificacións para as vacas produtoras, as xovencas e a recría. Priorizan para o benestar animal unha boa xestión das camas, que os patios sexan anchos e que exista unha boa ventilación.
“Conseguimos ter uns cubículos con cama de area, porque nos parece fundamental para lograr unha boa hixiene no muxido, e tiramos paredes e puxemos ventiladores porque, aínda que nos dicían que no norte non facía falta, as temperaturas e a humidade aquí afectan moito”, apunta. 

MUXIDO AUTOMATIZADO
“Robotizamos o muxido porque consideramos que era a maneira de poder xestionar nós a granxa, tendo en conta que todos traballamos fóra”, indica Juan Carlos.
Tomaron a decisión hai xa 10 anos, cando esta tecnoloxía aínda era incipiente, e tras todo este tempo, considera que alcanzaron unha mellora en diversos aspectos: calidade do ubre, produción e xestión dos datos. “A media actual de muxidos aproxímase aos 3,3 por vaca e día e incrementamos os litros producidos sen aumentar o número de animais”, concreta. 


 “Pasamos de producir algo máis de 400.000 litros de leite cada ano a muxir co robot uns 750.000 litros anuais”

Suman un total de 43 kg diarios por vaca, cun 4,01 % de graxa e un 3,20 % de proteína. “Pasamos de producir algo máis de 400.000 litros de leite cada ano a muxir co robot uns 750.000 litros anuais”, diferencia.
Ademais, permitiulles unha mellor calidade de vida para eles e tamén para as vacas. “A miña mecánica é vir á granxa todos os días pola mañá, ir ao computador e ver as incidencias que ocorreron, as alarmas que deu o robot e os informes de saúde, de celos e de produción”, sinala o veterinario. Con base en todo iso, xestiona o día a día da súa granxa e ten experiencias de primeira man para asesorar outros gandeiros con robots.
En canto aos animais, asegura que “están moi tranquilos e se moxen voluntariamente. Obtense unha dinámica moi cómoda”. 


RACIÓN DE SILO E HERBA 
Na aldea da granxa había hai 40 anos uns 30 gandeiros e hoxe soamente queda en activo esta explotación. A súa base territorial propia non era moi grande e o que foron facendo ao longo de todo este tempo é ir arrendando todos os terreos das granxas veciñas que foron botando o peche.
Así, aínda que son todas fincas moi pequenas, están a rotar cultivos de millo e mestura de gramíneas e leguminosas ao longo do ano para conseguir “unha achega forraxeira –di– de calidade”.

Preparan a ración das produtoras con 25 kg de silo de millo, uns 8 ou 10 kg de silo de herba, un pouco de palla e concentrado.


IMPORTANCIA DA RECRÍA
Para a xestión da recría, González recoñece que lle deu moitas voltas á cabeza, mesmo pensou nalgún momento en enviala a un centro externo, porque as condicións de humidade coas que conviven xeran sempre moitos problemas cos animais máis pequenos.
“Tentamos buscar sempre espazos de illamento individualizados para as primeiras idades, ben ventilados e o máis secos posible para evitar enfermidades”, detalla.
Logo, van facendo lotes por idades para xerar distintos manexos en función das necesidades, destétanas entre os 45 e os 60 días, descórnanas e van pasando á fase de inseminación entre os 10 e os 14 meses. Cando están preñadas, lévanas ao campo e pasan alí varios meses ata que cumpren os oito meses de xestación, que se incorporan xa á nave de produción.


 “Para min unha boa vaca é aquela que non ten enfermidades, que é boa produtora e que dura moitos anos na gandería”

APOSTA TOTAL POLA XENÓMICA
O pai de Juan Carlos era un grande amante dos concursos morfolóxicos e a todos lles gustaron desde sempre as boas vacas, pero, coa chegada firme da xenómica, esta visión foi cambiando pouco a pouco esta tradición familiar.
“Agora mesmo, todo se xenotipa e tes unha predicibilidade, cando nace un xato ou unha xata, de saber ao 75 % que vai transmitir. Non utilizar estes avances sería desperdiciar unha cantidade de información moi valiosa”, puntualiza. 
Juan Carlos fai memoria e lembra como, cando comezou en Anembe polos anos 90, lle chamaban atención as producións das vacas en Israel, que chegaban aos 60 litros. Agora, na súa propia granxa, hai vacas que “están a dar 70 litros de leite a catro muxidos”. 
Busca principalmente trazos de saúde e de eficiencia sempre a través de sementais xenómicos. “Para min unha boa vaca é aquela que non ten enfermidades, que é boa produtora e que dura moitos anos na gandería”, e engade: “Agora mesmo teño moita menos recría que hai 12 ou 15 anos, porque necesito menos reposición ao ter vacas máis duradeiras”.
Está inseminando todas as xovencas e dúas ou tres vacas top con seme sexado; todo o resto, con cruzamento industrial, concede un período de espera voluntario de 60 días para vacas ou de 90 días para xovencas e está a lograr unha media de partos de 3,6.
Para seguir mellorando a súa selección xenética empezou a xenotipar seis ou oito xovencas cada ano. “Xenotipar é un investimento, entón só llelo fago ás mellores e con iso decido se teño que mellorar a produción, as patas, o ubre...”, afirma.


VENDA E ESTABILIDADE
Véndenlle a súa produción a Central Lechera Asturiana e declara que “é a cooperativa que lles permitiu sobrevivir a moitas estruturas familiares como a nosa, recolleunos o leite, achegounos materias primas e servizos e foi un flotador para manter os vaivéns que o mundo dos prezos do leite tivo nestes últimos anos”.
De cara ao futuro, Juan Carlos admite que a súa gandería chegou á meta que se propuxeron no seu día, matiza que “poden mellorar un pouco máis en eficiencia” e que “agora mesmo o seu obxectivo é ter este número de animais, pero sendo os mellores e os máis rendibles” e confesa que “poder ir á granxa todos os días é un desafogo; aínda que teñamos problemas e traballo, é un modo de vida que non cambiaría”.