Jorge Santiso, Francisco Sineiro
Ecoagrasoc, Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Nunha situación de tempos incertos como a actual hai risco de que dentro duns meses o prezo do leite non se corresponda co fixado agora para un contrato de duración anual. Este risco é maior se se establece un prezo fixo para todo o período e podería deixar nunha difícil posición a unha das dúas partes que interveñen: ao produtor no caso de que suban os prezos ou á industria no caso de que baixen.
Este risco é menor se o prezo do contrato queda indexado, para o que o sector lácteo conta cos índices INLAC que demostraron ser unha ferramenta eficaz para adaptar o prezo á evolución do mercado. Nun artigo recente (Vaca Pinta 22, febreiro 2022) analizamos os resultados dos Índices A2 e A3 e sinalamos que o importante para a súa aplicación é acordar un prezo inicial que se axuste á situación actual do mercado, posto que despois a indexación será a encargada da súa actualización ao longo do contrato.
É relativamente fácil obter a información sobre a evolución dos prezos nos últimos meses, pero é arriscado estimar os cambios nun futuro a 12 meses. Despois de revisar as expectativas de analistas do mercado en Europa e noutros países produtores como Estados Unidos e Nova Zelandia, non hai unha resposta convincente. A maioría estima que polo menos para a primeira metade do ano 2022 os prezos do leite seguirán altos, impulsados por unhas cotizacións elevadas nos produtos lácteos e unha lixeira redución na produción de leite, afectada polos altos prezos das materias primas e a enerxía. Pero a evolución posterior é máis incerta.
UN PREZO INICIAL PARA UN CONTRATO INDEXADO
Sinalabamos que nun contrato indexado o prezo inicial ou de partida debería acordarse en base á situación actual, sen especular sobre unha evolución futura da que carecemos de información nin previsión razoable. Dous elementos poden axudarnos a establecer un rango de prezo inicial equilibrado: a evolución dos prezos dos produtos lácteos e a evolución dos prezos do leite nos países da nosa contorna.
A evolución dos prezos dos produtos lácteos básicos e o prezo equivalente
Nos últimos meses asistimos a fortes subidas de prezos nos mercados de produtos elaborados. Entre febreiro de 2021 e o mesmo mes de 2022 a manteiga rexistra unha subida do 70 %, é superior ao 50 % no leite en po e do 33 % no mix de queixos básicos importados. Da transformación de leite (3,7 % MG e 3,3 % MP) en manteiga e leite desnatado en po resultaría agora un prezo equivalente de 56 €/100 kg, un 69 % máis que os 33 €/100 kg de hai un ano.

A evolución dos prezos do leite nos países da nosa contorna
Os bos prezos dos produtos lácteos impulsaron os prezos ao produtor, rexistrando nos últimos 4-6 meses subidas importantes na maior parte dos países. En febreiro 2022, último mes para o que dispoñemos de información, situábanse por encima dos 43 €/100 kg en Alemaña, Holanda ou Dinamarca. O indicador 5EM, que representa o prezo medio ponderado dos 5 países dos que procede a maior parte das importacións ao noso mercado, foi de 42,5 €/100 kg, un 21 % sobre os 35,1 € do mesmo mes de febreiro de 2021 (MG e MP reais).

CONCLUSIÓN
Os prezos dos produtos lácteos achegan unha imaxe de robustez do mercado, e o prezo equivalente resultante, por encima dos 50 €/100 kg de leite, é un bo indicador da valorización actual do leite, cunha tendencia ascendente.
Os prezos actuais do leite nos países competidores mostran niveis consistentes, por encima dos 40 ct€/kg, tras un aumento de 7-9 céntimos no último ano, sinalando unha referencia clara para acordar un prezo inicial nos contratos indexados.
Cun aumento do 21 % do indicador 5EM, aplicado aos 32,8 €/100 kg de prezo medio en España de febreiro de 2021, resultan 39,7 €/100 kg, unha base razoable de discusión para establecer o prezo inicial dun contrato indexado nestes momentos.
Queremos sinalar, unha vez máis, que estas notas teñen como obxectivo un contrato indexado; o seu interese é menor para contratos non indexados, nos que o prezo fixo responde a especulacións sobre unha evolución futura nestes momentos incerta.
E un comentario adicional: os últimos valores publicados para os Índices INLAC recollen unha evolución anual do mesma orde (crecementos anuais en decembro 2021 do +24 % e +20 % para A2 e A3, respectivamente). Do mesma orde tamén foi a subida dos pensos (+25 %), aínda que superada amplamente polos produtos enerxéticos (50 % no gasoil, 80 % na electricidade).