O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou a convocatoria da XII edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, os cales distinguen proxectos novos, excelentes e orixinais, así como actuacións que recoñezan o traballo e o papel das mulleres no medio rural. O prazo de presentación está aberto ata o 4 de xuño.
Constan de catro categorías, cada unha delas dotada de tres premios de 18.000, 12.000 e 7.5000 euros, e un premio extraordinario de carácter honorífico que recoñece a traxectoria vinculada ao apoio ás mulleres no medio rural.
- Premio excelencia á innovación na actividade agraria. Destinado a proxectos que utilicen tecnoloxías agrarias, gandeiras ou forestais que redunden no avance dun sector sustentable.
- Premio excelencia á innovación na actividade pesqueira ou acuícola. Dirixido a proxectos que utilicen tecnoloxías pesqueiras ou acuícolas que redunden no avance dun sector sustentable.
- Premio excelencia á innovación en diversificación da actividade económica no medio rural ou zonas costeiras rurais. Dirixido a proxectos que diversifiquen a actividade económica do medio rural, que favorezan novos ámbitos económicos ou xeren emprego no medio rural ou nas zonas costeiras rurais.
- Premio excelencia á comunicación. Recoñece traballos nos ámbitos da comunicación, a información e os medios de difusión que contribuísen a difundir a actividade das mulleres no medio rural ou en zonas costeiras rurais.
Máis información no Boletín Oficial do Estado