A creación dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) con outras sete ganderías da comarca foi o seu primeiro proxecto cooperativo hai máis de vinte anos e, pouco despois, fundarían un centro de recría e outro de alimentación cos mesmos socios. O traballo en común nestas tres áreas, xunto ao muxido robotizado e a mellora xenética, marca as guías desta gandería coruñesa.
En agosto de 2001 naceu a sociedade Landeira, unha unión entre a granxa familiar de Rogelio Grille e seu irmán Carlos con outra dun veciño que abandonaba a actividade. Pasados catro anos, uniríase ao proxecto o seu curmán José Manuel Barbeira, acabado de incorporarse á explotación de seu pai, que se xubilaba.
Desta maneira, 2005 poderíase considerar como o ano no que se asentou a base definitiva do que é hoxe Landeira SCG. Actualmente, contan cun rabaño de 287 vacas, 250 en muxidura e unhas 37 secas, e 200 xatas e xovencas e producen unha media que “oscila durante todo o ano entre os 42 e os 44 litros por vaca e día”, apunta Rogelio Grille. A graxa alcanza o 3,5 % nos momentos máis altos e a proteína, o 3,4 %. “As cifras poden variar dependendo da agresividade do verán, pero movémonos nestes niveis de produción”, aclara o gandeiro. O reconto de células somáticas do mes anterior á nosa visita era de 190.000 células por mililitro.
Tanto o seu irmán como o seu curmán dedícanse ao negocio a tempo completo e Rogelio comparte o traballo con outras dedicacións: “Reparto o meu tempo entre Landeira, Seragro, Recría Castro e Ganxabar, o centro de recría que temos en común con outras ganderías do Xallas e A Barcala”.
A maiores danlles emprego a outras tres persoas en dúas quendas de traballo. “Carlos e José Manuel cámbianse cada semana, un de mañá e outro de tarde. Entre os empregados, un está sempre de mañá; outro, sempre de tarde, e o terceiro ten horario partido”, indica.
A nave principal da gandería divídese en catro zonas. Na primeira delas manteñen as vacas primíparas e de segundo parto con dous robots de muxido; na segunda, as produtoras máis adultas con outro robot; na terceira están as acabadas de parir cunha terceira máquina, e na cuarta área descansan as secas, xovencas preñadas e un lote de preparto.
Aínda que teñen diferentes tipos de cubículos por mor do crecemento paulatino das instalacións, as camas son todas de carbonato con serraduras. Segundo di Rogelio Grille: “Sempre que os cubículos teñan as medidas apropiadas, o segredo é a cama. Facemos nós a mestura e repartímola dúas veces á semana”.
Anteriormente, utilizaban area, pero como consecuencia das complicacións que esta ocasionaba na xestión dos xurros, decidiron cambiar o material a pesar de saír máis caro. “Desde o punto de vista da saúde do ubre, sería mellor a area sen dúbida, pero, se hai un bo manexo das camas –puntualiza–, tampouco é un gran problema”. No lote de secas e preparto levan varios anos con cama fría, que enchen segundo van vendo e fresan todos os días.
A limpeza realízana con arrobadeiras de cable automatizadas e todo o xurro se dirixe a unha fosa común cuberta de case dous millóns de litros de capacidade. “Imos botando o xurro nas terras segundo o tempo nolo vai permitindo e en función das necesidades dos nosos cultivos. Estamos conseguindo un xurro de moita calidade, cun 12 % de materia seca”, engade.
VENTILACIÓN E PLACAS SOLARES
A localización da granxa, en pleno val da Barcala, fai que os invernos sexan abrigados e que os veráns sexan bastante calorosos, “aínda que o tempo está moi cambiante e estamos tendo estíos moi diferentes”, recoñece Grille. Os veráns nos que a calor aperta, as vacas necesitan liberarse dese estrés e tiveron que investir nun sistema de ventilación con ventiladores e aspersores que funciona automaticamente tendo en conta o THI (índice de temperatura e humidade).
“Cando veñen unha morea de días seguidos con 36, 38 ou 40 graos, os animais reséntense e con este sistema minimizamos a baixada de produción. Podemos perder dous litros de media, pero é que hai granxas que chegan a perder ata sete litros”, diferencia o gandeiro.
Para combater o gasto que a ventilación supón para a conta global do negocio, Grille fálanos da pequena planta de placas solares que instalaron no teito da nave, cun total de 20 kW.
“As facturas de luz do mes de xaneiro ou decembro poden aproximarse aos 2.300 euros, mentres que a de xullo foi de 5.700 euros e a de agosto, de 6.200 euros. O arrefriamento do leite loxicamente leva boa parte deste peso, pero o sistema de ventilación nótase e moito”, reconta.
Ademais, debido aos robots, que moxen todo o día, o tanque está traballando pouco pero continuamente e, grazas ao recuperador de calor do tanque, producimos auga quente as 24 horas do día.
Os dous sistemas axúdanlles a minimizar o consumo de enerxía e recalca: “Temos moitos metros de tellado para colocar placas e non vai quedar máis remedio que instalar máis para seguir aforrando nas facturas de electricidade”.
ANTE A FALTA DE MAN DE OBRA: ROBOTS
O muxido en Landeira realizouse ata o ano 2018 nunha sala de espiña de peixe que se foi ampliando pouco a pouco ata chegar aos 22 puntos, 11 de cada lado.
Nese momento e cun nivel de produción alto, creron na posibilidade de lograr os tres muxidos e abordaron dúas opcións: incorporar unha sala nova ou decantarse polo muxido robotizado.
“As complicacións que nos ía supoñer a obra civil dunha nave nova para a sala e as dificultades que xa estabamos sufrin
do na procura de man de obra axeitada foron os dous motivos de peso polos que nos decidimos a robotizar o muxido”, confirma Grille.
No proceso de cambio axudoulles moito a distribución por lotes que tiñan das vacas en produción. Comezaron en xaneiro de 2019 coa instalación do primeiro robot para as vacas máis adultas, continuaron en abril cos dous seguintes nos lotes de primíparas e segundos partos e finalizaron en agosto dese mesmo ano co último para vacas acabadas de parir.
“O proceso foi complexo, perdemos produción e tivemos que sacrificar animais, sobre todo aqueles que non se adaptaban. Iso si, este último non foi un gran problema xa que temos moita recría”, recoñece o gandeiro.
Entre os principais inconvenientes resalta o custo, “muxir con robot é moito máis caro que facelo en sala”, e entre as vantaxes enumera as seguintes: “Estamos rozando os tres muxidos, cunha media de 2,7, levamos adiante as tarefas da granxa con moita menos man de obra, a cualificación e preparación dos empregados non é tan importante e podémonos permitir o luxo de ter imprevistos, vacacións, baixas...”.
MAQUINARIA, RECRÍA E FORRAXES EN COMÚN
En 2001, ao pouco tempo de crear a sociedade Landeira, fundan xunto a sete ganderías pertencentes ás comarcas de Xallas e A Barcala unha cooperativa de utilización de maquinaria en común (CUMA) coa idea de realizar os traballos de maquinaria, carro, ensilados e demais de maneira conxunta.
Coa mesma filosofía, pero cinco anos máis tarde, as mesmas oito granxas deciden xuntar a recría e construír as instalacións de Ganxabar (Ganaderos de Xallas e A Barcala), un centro de recría no que mellorar a xestión da cría das súas xatas e xovencas.
O traballo cooperativo dá os seus froitos nos dous proxectos anteriores e, en 2010, o grupo de gandeiros decide dar un paso máis neste mesmo senso e copiar a idea para a administración das forraxes e das comidas dos seus animais. Así xorde Forxabar, a súa cooperativa de forraxes.
FUNCIONAMENTO DE GANXABAR
Todos os mércores entran no centro un grupo de xatiñas das diferentes explotacións, pois fan recollida unha vez á semana daqueles animais que teñen a analítica da ADSG aprobada e son libres de BVD.
A diferente orixe das becerras non supón inconveniente algún despois de tantos anos de traballo, pois contan coa “mesma xenética, as mesmas condicións sanitarias. Somos ao fin e ao cabo unha unidade epidemiolóxica e ningunha das granxas compra animais de fóra”, afirma.
“En canto chegan, identifícanse, pésanse e mídense, e pasan a boxes individuais, onde se manteñen toda a súa etapa lactante”, detalla Rogelio Grille.
Comezan o seu período de leite con tres tomas de dous litros a primeira semana, pasan a tres tomas de tres litros as cinco semanas seguintes e despois vanlles baixando gradualmente a inxestión de leite ata destetalas con 85 ou 87 días e uns 97 kilos de peso, máis ou menos.
A partir da desteta xúntanse en lotes de cinco animais, onde comen penso a discreción e raigrás deshidratado ou palla picada, dependendo da época do ano, e sobre os 120 días comezan a proporcionarlles comida do carro da ración das vacas de leite. Ata os 150 días están compartindo penso a discreción e ración de produción e, a partir dos 150 días, comen só ración de vacas de leite. “Será desde os 180 cando empecen a comer unha ración que preparamos para elas, concretamente con silo de millo, algo de silo de herba, algo de palla e un núcleo de penso e colza. Finalmente, desde os 10 meses ata a inseminación comen outra ración que consta de pouco silo de millo e moito silo de herba”, indica Grille.
Desde que están preñadas, a ración volve a cambiar por outra elaborada con pouco silo de millo, moito silo de herba, un pouco de colza e un núcleo de correctores. “Todo o silo de herba que utilizamos para as xovencas adoita ser o de menos calidade, o que non nos gusta para as vacas de leite, aínda que haxa momentos nos que se usa o mesmo para todas”, concreta.
As camas neste centro adoitan ser todas de palla, “ás veces nos lotes de xovencas máis grandes metemos casca de pino, por motivos económicos –aclara–, pero normalmente son de palla. Cando xa están preñadas, pasan a cubículos con serraduras”.
Despois de tantos anos de recría en común e de ir optimizando procesos, Grille resalta a exquisitez da alimentación para conseguir animais moi potentes no momento da desteta e o traballo conxunto coas granxas socias no secado, con bos protocolos de vacinación, para que as becerriñas cheguen a Ganxabar nas mellores das condicións. Outra clave para o gandeiro é o encalostrado “rápido, de boa calidade e de moita cantidade”.
Están preñando as xovencas con 13 meses de media e conseguindo unha idade media ao parto de 22,3 meses, o cal quere dicir que están preñando arredor dun 30 % de animais con 12 meses. Ante estas cifras, detalla que “os animais son inseminados cando miden máis de 1,38 m á grupa e pesan entre 400 e 420 quilos. É primordial preñar animais ben conformados para obter vacas de primeiro parto espectaculares”. “Temos algunha xovenca parida con 20 meses, é dicir, que preñou con 11 meses e pico, que fixo 13.000 ou 14.000 quilos de leite sen ningún problema”, salienta.
A idea marcada e máis desexable para repartir as xovencas preñadas de Ganxabar ás súas correspondentes explotacións sería facelo aos 7 ou 8 meses de preñez, pero “o espazo no centro de recría estase quedando xusto e agora mesmo estamos repartindo animais con 5 ou 6 meses de preñez”, recoñece Grille.
Volven nese momento a Landeira e colócanse na zona de xovencas preñadas ata que lles quedan 20 días para parir, “momento no que se trasladan ao lote de preparto”, di.
FORXABAR E A XESTIÓN DAS FORRAXES
Landeira é un bo exemplo de que as iniciativas cooperativas entre grupos de granxas poden funcionar ben. A CUMA foi o primeiro dos proxectos, seguiron co centro de recría e o último foi a creación de Forxabar, un sistema para programar en conxunto os cultivos das ganderías, realizar os ensilados, comprar as materias primas necesarias para as racións e preparar e distribuír a comida dos animais das oito granxas.
Programan cada campaña a principio de ano e deciden as hectáreas que vai sementar cada gandería con millo, para silo ou gran, ou con raigrás, inglés ou italiano. “Pensamos de antemán que variedades de millo e de herba imos comprar en función desta planificación e logo imos axustando estas ideas previas en función dos cortes que imos facendo, dependendo do tempo”, describe Grille.
Partindo destas premisas, cada gandería leva o control dos seus cultivos e todas as materias primas que entran en Forxabar serán pesadas e analizadas para rexistrar a súa materia seca e as súas calidades, “no caso da herba, proteína, e no caso do millo, proteína e amidón”, matiza.
A estes inputs de cada granxa póñenlles prezo en función desas analíticas e as ganderías son así incentivadas para producir forraxes da maior calidade e cantidade. “Intentamos producir todos forraxes de calidade desde un punto de vista económico, porque canto máis cobremos por iso, mellor, e tamén desde o punto de vista da futura ración, pois sabemos que o que entregamos vai vir de volta nas racións dos nosos animais”, sinala.
Precisamente, desde Forxabar preparan as racións dos diferentes lotes das explotacións “á carta”. Ensilan o millo e a herba en trincheiras coas materias que entregan as granxas socias e, á parte, compran palla, colza e soia, segundo as necesidades e os prezos do mercado, e tamén os núcleos. Desde o ano pasado fan o gran húmido tamén en trincheiras, aínda que sempre o fixeron en salchichas. “Empezamos a probar o sistema con parte e parte, e vimos que a trincheira non daba problemas ao consumir gran cantidade de gran húmido”, subliña.
“Temos dous carros autopropulsados de 27 metros e un remolque con descarga e realizamos as racións das vacas de leite, de secas e de xovencas que cada explotación necesita”, explica o gandeiro. En Landeira entregan unha vez ao día a ración das produtoras e das secas e xovencas preñadas.
Grille comenta que, a pesar de ser rabaños todos moi similares, “o consumo de materia seca segundo os días en leite, a idade media do rabaño, as instalacións… é moi diferente entre unhas granxas e outras”. Tamén as granxas robotizadas, como é o caso de Landeira, precisan dun tipo de ración adaptada, diferente a outras granxas con sala.
As súas produtoras están comendo unha ración todo ano cuns 30 kg de silo de millo, uns 10 kg de silo de herba, 4 kg de gran húmido, 3 kg de colza e 3 kg de núcleo, que inclúe correctores, algo de fariña de millo e algo de cebada. “A maiores, o robot proporciónalles unha base de 4 kg de penso. A partir dos 30 litros de leite, por cada 5 litros máis, medio quilo máis de penso. As de 60 litros chegan a comer sete quilos de penso no robot e as vacas que non chegan aos 30 litros son descartadas”, especifica Grille.
As secas toman todo o ano outro preparado con 10 kg de silo de millo, 5 kg de palla e un núcleo con correctores e un pouco de colza.
A última adquisición de Forxabar foi unha picadora de palla coa idea de comprar a palla enteira e picala eles mesmos. “A ración de secas leva moita palla e a maiores, cando a de produción ten moita humidade, tamén se lle engade medio quilo. Ao vir picada tennos dado problemas. Desta maneira, cando vén un camión con palla de mala calidade, pícase e apártase para as camas das xovencas. A de boa calidade –remata– pícase todos os días para as racións que precisamos”.
PRIORIDADE ABSOLUTA AO MILLO
En Landeira traballan un total de 160 hectáreas e danlle “prioridade absoluta ao cultivo de millo”. Intentan sementar a máxima calidade de millo nas mellores parcelas e conseguir altas producións con moita calidade.
As cen mellores hectáreas téñenas dedicadas ao millo e están conseguindo rendementos de 45.000 kg/ha, cun 35-36 % de materia seca e un 38 % de amidón. As fincas menos boas déixanas para raigrás inglés permanente. “Facemos múltiples cortes, segundo o tempo. Cinco, seis, catro cortes…”, conta.
Para sementar o millo, botan moito xurro nas parcelas e tentan comezar a sementar as primeiras a mediados de abril. Nas primeiras usan ciclos moi longos e segundo se vai traballando van baixando o ciclo. “Nos máis longos utilizamos variedades para gran e tamén cultivamos variedades intermedias. Imos variando segundo a planificación previa. Sempre queremos encher primeiro os silos de millo de forraxe para asegurar ter millo ata o mes de marzo do ano seguinte e o resto faise para gran”, distingue.
Nestas hectáreas que cultivan millo fan rotación con herba só nas menos húmidas, nas que botan trevos.
A CUMA permítelles ter a disposición toda a maquinaria que necesitan para o día a día: rotativas para segar a herba, fileiradoras, cisterna para o xurros, sementadora de millo, arados, grades… “Subcontratamos, iso si, –admite– todo o necesario para o ensilado do millo e da herba, porque é maquinaria que só utilizamos en momentos moi puntuais do ano”.
VACAS PRODUTIVAS, FUNCIONAIS E SAS
No aspecto reprodutivo, todos os animais de Landeira contan con colar de identificación con control de ruminación, actividade e detección de celos. “Achégannos moita información en tempo real de cada animal e podemos tomar decisións con moita antelación. A detección de celos é tan fiable que son moi poucos os animais que teño que sincronizar”, comenta Rogelio.
Póñenlles o colar no momento que chegan á granxa preñadas e xa non llelo quitan ata que marchan ao matadoiro. No centro de recría utilízanos para a detección de celos e desde que están diagnosticadas como preñadas recolócanllelos ás máis novas para poder optimizalos o máximo posible.
O 100 % da recría é inseminada con seme sexado e o 90 % das vacas adultas, con seme de carne. “Tan só nunha porcentaxe pequena de vacas primíparas usamos sexado, naquelas máis top, ou son receptoras de embrións”, afirma.
Desta maneira, conseguen ter un rabaño con moitas vacas novas, o 35 % máis ou menos son primíparas, e cunha fertilidade relativamente cómoda. O intervalo entre partos aproxímase aos 412 días e case nunca preñan animais antes dos 90 días posparto.
A orixe do sexado é variada, “Os Estados Unidos, O Canadá, Alemaña ou España, pero sempre do mellor que hai no mercado”, matiza Rogelio.
“A xenética sempre foi unha das miñas paixóns –recoñece o gandeiro coruñés– e sempre me gustou traballar con animais xeneticamente sobresalientes.
Xestiona man a man con Xenética Fontao a realización de transplantes de embrións e fecundacións in vitro e para a selección xenética prioriza o GICO: “Gústame escoller os touros máis altos neste índice. Buscar vacas produtivas, funcionais e sas”. Ademais, leva varios anos xa xenotipando todos os animais da granxa e realizando a mellora en base a estes resultados.
Nos criterios de selección tamén inflúe agora a utilización de robots de muxido: “Aspectos aos que antes non lles daba importancia cobraron agora forza, como pode ser a lonxitude dos tetos, un carácter que nunca prioricei e que neste momento si que teño en conta”.
Outro trazo que tamén colleu peso na escolla dos sementais é o A2A2. “Cando estou entre dous animais parellos, sempre escollo o A2A2. Agora mesmo case podemos dicir que andamos nun 99 % de touros con esta característica. Se un animal top que non o é, utilizo igualmente, pero si que o estou mirando”. A día de hoxe a industria á que lle venden o leite, Celta, non paga o leite A2A2, pero “nunca se sabe. Esa posibilidade ímola barallar”.
NOS TOP DA XENÓMICA
A súa aposta pola xenómica, “xa hai moitos anos que non utilizo ningún touro probado”, fai que sexan moitos os touros que utilizan en cada campaña. “A xenómica é moi dinámica, cada poucos meses temos probas e touros novos e estamos intentado utilizar sempre o último. Cando diversificas e compras os mellores individuos do top, non te equivocas”, asegura.
Deste xeito, a xenética de Landeira sobresae nas listaxes de femias e de touros do panorama nacional. LSCG Tanxu P FIV Red ET, vendido a Xenética Fontao, posicionouse no número 4 do último top dos mellores touros xenómicos nacionais, un semental con boas cifras de produción, excelentes trazos de saúde e tipo moi correcto, que transmitirá, ademais, ubres apropiados para o muxido robotizado e é portador de xene acorne.
En canto a femias, entre as 25 mellores xovencas xenómicas por ICO atópase LSCG 883 Saturn ET, que leva repetindo nestes primeiros postos varios anos, e sete fillas dela con Captain e con Pinkfloyd. “A número 1 por GICO de España é LSCG 102 Pinkfloyd 883 ET, cun índice de 5.483”, comenta o gandeiro. A última adquisición para seguir traballando familias de alto nivel xenético foi un animal roxo e acorne comprado nunha poxa en Alemaña o ano pasado.
CUSTOS E MINIFUNDIO, EIVAS DO SECTOR
Na súa avaliación da situación do sector, Rogelio Grille alerta sobre dous temas importantes: “Os custos de produción sempre soben moito antes de que se lle incremente o prezo do leite ao produtor e o sistema minifundista de Galicia é unha lacra que segue a condicionar o lácteo galego”.
Subliña que o ano 2022 foi proba de que os prezos das materias primas se dispararon dunha maneira desorbitada, “duplicáronse”, e que a repercusión ao gandeiro chegou tarde. “Subiron a soia, o millo, o gasóleo, o penso e, despois de dous meses, comezou a incrementarse o prezo do leite, pero aqueles gandeiros que non teñen ben optimizada a súa alimentación, que compran a forraxe, pasárono moi mal”, concreta.
En Landeira comezaron o ano cobrando o leite a 32 céntimos e rematárono a 58 céntimos. Consecuencia non só da suba das materias senón tamén “da baixada de produción a nivel europeo e global –valora–, da situación poscovid e tamén da guerra de Ucraína. A produción descendeu en toda Europa e España, como deficitaria, deixou de recibir leite de fóra; ás empresas non lles quedou outra que subir os prezos”.
Dubitativo sobre cómo se desenvolverá esta situación, remata a nosa entrevista destacando o gran problema do sector lácteo en Galicia: “O minifundio que seguimos padecendo fainos ser pouco competitivos, porque temos moito traballo para poder lograr forraxes de calidade. As nosas fincas non están moi lonxe, témolas todas a un máximo de sete quilómetros, pero contamos con máis de 400 parcelas para 160 ha”. “Os gandeiros galegos somos intensivos porque non temos outro remedio, esta situación condiciona a forma das nosas explotacións. Se non es intensivo, non es economicamente rendible”, finaliza.