O estadounidense Mark Rueth, gandeiro, xuíz e preparador de concursos recoñecido a nivel internacional, viaxou en xuño a España para xulgar o Concurso Rexional de Asturias. Nós aproveitamos a súa visita para coñecer a súa traxectoria profesional e as claves do seu actual negocio, Rosedale Genetics, unha mestura entre unha gandería convencional co seu propio grupo de vacas de alta xenética e un hotel de vacas de concurso, propiedade doutros gandeiros, que mantén a punto para saír ás pistas.
É a primeira vez que xulga un concurso frisón en España. Como foi a experiencia?
Tivemos unhas grandes seccións de xovencas e de vacas. A experiencia foi moi boa, a xente é moi agradable, o sitio é moi acolledor e a verdade é que o pasei moi ben.
Comezou a súa andaina no sector como preparador de vacas para concursos. Como cambiou a forma de preparar os animais?
Hai moita diferenza desde que eu empecei ata o momento actual. A explotación dos meus pais era unha granxa moi pequena e non tiñamos os clubs que existen agora. Hoxe en día, grazas a certos clubs, os mozos poden iniciarse na preparación dos animais.
Ao principio, nós só afeitabamos a cabeza e as patas, pero a medida que se foron incorporando novos equipos de preparación para os animais, que se foi mellorando a comida, o tamaño dos animais, os ubres..., apareceron outras peladoras, outros secadores e a verdade é que as cousas cambiaron moito.
Cando eu comecei nisto, o que se pedía eran vacas potentes e fortes; agora estamos a buscar vacas con máis limpeza de óso e máis carácter leiteiro. As coitelas cortan máis o pelo para potenciar ese carácter leiteiro que queremos ver e os ubres podemos pelalos con peites que deixan o pelo moi curto.
Coa súa muller creou unha das granxas máis coñecidas a nivel mundial, Rosedale Genetics. Como transcorreu a súa historia?
Toda a historia de Rosedale provén dunha xovenca que comprei, da BlackRose, o primeiro animal que tiven con xenética, porque na miña casa non había.
Estiven durante catro anos viaxando polo mundo, preparando animais e no ano 2000 aluguei unha explotación, porque non tiñamos unha propia para reunir todos os animais.
A BlackRose foi a vaca que nos puxo no mapa e nesta nova explotación, que alugamos por catro anos, fixemos todo o rabaño baseado en xenética.
En 2005 compramos a nosa propia explotación e ese ano foi incrible, porque conseguimos gañar en Madison a campiona suprema e a reserva. Eses premios foron o resultado da xenética que estiveramos buscando e recollendo durante todos os anos atrás.
Non compramos animais do exterior e o que fixemos foi ir recriando a todas as nosas vacas ata chegar ás 70 cabezas.
Alí as ganderías están a crecer moito, están a incrementar moito as cabezas por explotación. En Wisconsin a media de animais estaba entre as 45 e as 50 vacas, e actualmente a media está entre 150 e 500 vacas.
Cando tivemos a nosa filla, valoramos a situación e queriamos ter máis tempo libre. O que fixemos foi vender o 80-90 % do noso rabaño, practicamente todo, e manter só unha boa familia de vacas. Como exemplo do que estamos a falar, pódovos comentar que unha xata das que vendemos, por 45.000 dólares, foi campiona júnior de 2 anos e júnior de 3 anos, e o señor que a comprou revendeuna por 115.000 dólares.
Tras facer toda esta venda, comezamos co negocio de coidar as vacas doutros.
Como xurdiu a idea de crear este hotel de vacas e como traballan?
É algo que se está facendo cada vez máis habitual. Os nosos clientes son persoas que queren ter vacas preparadas para concursos e non teñen as condicións adecuadas nos seus establos para que estas se manteñan nun ambiente libre de estrés, que poidan mostrar sempre un carácter leiteiro bo, cun arranxado de pezuños moito máis habitual do que se realiza nas explotacións convencionais, os seus pelados e lavados recorrentes...
Proporcionámoslles unha alimentación individualizada, con moito máis feo e concentrado que silo, co fin de poder aumentar a súa capacidade e que desenvolvan un bo carácter leiteiro.
Ademais, ofrecemos a posibilidade de realizar transplante de embrións a aqueles que o soliciten.
Ao final trátase de manter os animais en forma para poder ir a concursos. Algúns están connosco todo o ano e outros só pasan a tempada de verán para preparalos para Madison.
A día de hoxe, estamos muxindo 40 vacas e temos unhas 50-60 xovencas.
Con varias das súas vacas conseguiu gañar un dos mellores, senón o mellor, concurso de vacas a nivel internacional, o concurso de Madison. Cantas veces o conseguiu e cal cre que foi o segredo?
Tivemos a sorte entre os anos 2000 e 2010 de ter tres vacas moi boas, Paradise, BlackRose e RedRose e coas tres vacas puidemos gañar Madison. Desde entón, a verdade é que non tivemos moitos éxitos, porque é un campionato que mellora cada ano. Hai grupos de persoas que se dedican a este tipo de concursos, que compran gando especificamente para este certame.
A principal faceta que ten que ter a vaca para gañar é un bo ubre. Se tes un animal cun ubre excepcional, contas con posibilidades de facer un bo concurso, pero cada ano está a pórse máis difícil. En cada nova edición de Madison mellórase moitísimo a calidade dos animais e a competitividade dos participantes, non só nas holstein senón tamén nas roxas, e cada vez é máis difícil conseguir un éxito neste show.
Foi recoñecido dúas veces polas súas habilidades na gandería cos premios MacKenzie e Klussendorf. Que premian estes galardóns e que supoñen para vostede?
Por unha banda, o MacKenzie é un premio á persoa que mantén un equipo funcionando, está pendente de todo o que hai que facer no establo coas vacas de concurso. As vacas estarán preparadas para cada certame porque hai alguén que está pendente de todo e que fai piña co seu equipo para que todo vaia ben e resulte fácil.
Doutra banda, o Klussendorf é o premio máis alto que unha persoa pode recibir daqueles que se dedican aos concursos, porque se dá á persoa que non só é capaz de concursar ben no ring senón que tamén axuda a un rival nun momento dado, porque necesita algo, que mostra moita deportividade e que demostra un gran carácter e un bo saber estar.
Recibir o MacKenzie é unha honra, pois é un galardón que che dan porque a xente recoñece o labor que estás a realizar no establo; pero o Klussendorf ten moito máis valor, xa que é a propia xente a que cho concede.
A nivel xenético, que parámetros busca hoxe en día? Manexa a xenómica?
Actualmente, todos os touros teñen a xenómica feita e cun teléfono podes comprobar cales son os top que queres utilizar. Nós decantámonos por touros xenómicos altos en tipo, pero temos sempre en conta os caracteres de saúde e de produción de leite.
O ubre é importantísimo, tanto nos concursos como na produción.
No caso dalgunhas vacas de show, se só seleccionas por tipo, podes ter problemas para que queden preñadas, porque teñan menos fertilidade. Entón, desde o meu punto de vista, o ideal é buscar un equilibrio entre os trazos de tipo e os de produción.
En xeral, como digo, buscamos touros balanceados. Outro exemplo importante relativo á cuestión do tamaño é que hai que darse conta de que agora as vacas xa teñen un tamaño considerable. Touros con tipo 4 ou 4,5 ás veces non son adecuados, porque teñen demasiada estatura.
Para finalizar, como describiría a situación do sector lácteo nos EE. UU.? Que diferenzas cre que existen con España?
No que viaxei por todo o mundo, en canto aos problemas do leite e ao seu prezo, creo que todos temos os mesmos problemas. Nos EE. UU. as explotacións son cada vez maiores e os prezos van subindo e baixando, subindo e baixando.
Por unha banda, temos tido bos prezos ata hai seis meses e desde entón o prezo do leite está a baixar moito. Agora mesmo os custos de produción son un dos principais problemas, porque, a pesar de que o prezo do leite está a baixar, séguense mantendo altos.
Por outra banda, temos tamén problemas con cuestións ambientais e con acceso a terreo público, porque as explotacións, ao ser cada vez máis grandes, tamén necesitan máis terreo e hai dificultades para facerse con terras.
A maiores, os custos laborais e os custos de mantemento da maquinaria tamén se incrementan. Agora mesmo tentamos diminuír os gastos en persoal e os gastos xerais da granxa porque os prezos son altos.
Grazas, Mark, polo seu tempo connosco e esperamos volver a velo pronto por terras españolas. Foi un pracer.