CON LUPA | DA CESÁREA Á CONTA DE EXPLOTACIÓN

Catro décadas na vida dun buiatra

Fotografía: David Iglesias García-Conde
Fotografía: David Iglesias García-Conde

O veterinario Joaquim Baucells (Centre Veterinari Tona) leva corenta anos traballando e vendo en primeira liña o desenvolvemento do sector leiteiro español. A través da súa experiencia profesional, en Vaca Pinta 29 fixemos un repaso polo que foron o cambio e a adaptación do rol veterinario de explotación no país desde os anos oitenta ata a actualidade.

OS 80: COÑECENDO A IDIOSINCRASIA DO SECTOR

O sector do vacún leiteiro tiña nos anos oitenta un censo de case 2.000.000 de cabezas e as 307.363 explotacións leiteiras de entón producían 5,9 millóns de toneladas anuais. Naqueles tempos, nos que a venda directa era unha realidade para o 10 % da produción, só o 5,5 % das ganderías dispoñían de instalacións en estabulación libre, o 10,9 % tiña silo para forraxe e o 4,8 %, tanque de refrixeración. Usaba muxidora portátil un 24,2 % das explotacións e o 16,6 % muxía con instalación ou en sala.

Foron estes os anos nos que se iniciou o consumo de penso, se propagou a mecanización e se consolidou a inseminación artificial, xunto coas modernas instalacións canadenses de muxido en praza fixa. O envellecemento dos titulares xa era entón preocupante, o 54 % tiña máis de 55 anos, e as diferenzas estruturais servían para destacar os contrastes rexionais entre a España húmida e o conxunto do país.

Fotografía: David Iglesias García-Conde

Neste contexto comezou a súa traxectoria laboral Joaquim Baucells. “Os veterinarios que nos licenciamos en 1981 nalgunha das 4 facultades existentes aterramos nun mundo profesional moi minoritario: eramos 7.721 colexiados”, sinala. “Fomos das últimas promocións que, polo xeral, tivemos que percorrer longas distancias para estudar”. As facultades de veterinaria de Barcelona, Murcia, Cáceres, Lugo e As Palmas aparecerían durante estes anos.

O perfil do veterinario dos 80 era substancialmente distinto ao actual: na súa maioría homes (98,5 %), cuxa orixe familiar se relacionaba coa profesión ou ben procedía do ámbito rural. “Os novos licenciados convivimos co final da omnipresencia da figura dos veterinarios titulares e coa impopular peaxe das guías de orixe e sanidade pecuaria”, lembra.

“Os veterinarios de zonas con presenza de gando vacún asistiamos a moitos partos (algo no que os nosos predecesores eran verdadeiros expertos artesáns) e non menos hipocalcemias e cetoses”, enumera. Sobre eses primeiros anos, conta Quim que, sen dúbida, foron ilusionantes, a condición de que te “conformases co que che viña dado e aceptases o rol de ‘veterinario bombeiro’”.

“Aqueles foron tempos para aprender ciencia infusa, sentido común e disciplinas que xamais intuiramos nin nos ensinaran na facultade. Descubrimos rápido que para sobrevivir deberiamos agudizar o enxeño e poñer os pés na terra despois de cinco anos de alucinar na universidade. Estes primeiros tempos de veterinaria liberal foron dunha continua autoaprendizaxe: aprendemos a inseminar, a palpar, a atopar o ‘ping’, a operar callares –enfermidade que mesmo algúns no noso gremio describían como invento dos máis novos para gañar algunha pela– e, sobre todo, a convivir coa idiosincrasia dun mundo profesional, o de entón, satisfeito co que tiña e con onde estaba, proteccionista cos seus intereses e moi corporativista”.


“Aprendemos a convivir coa idiosincrasia dun mundo profesional satisfeito co que tiña e con onde estaba, proteccionista cos seus intereses e moi corporativista”

Neste período xeneralizáronse en moitas partes de España as campañas de saneamento gandeiro. En concreto, en Cataluña autorizouse que estas tarefas as realizasen tamén veterinarios libres que formasen grupos de saneamento gandeiro “e os resultados no tempo avalaron tal decisión”, apunta Baucells, quen neste decenio compartiu traballo e ilusións con outros catro veterinarios e unha secretaria, cos que empezou a xestar o embrión dun equipo veterinario pluridisciplinar que se consolidaría na década dos 90.

Así foi como empezou a propoñer e desenvolver, cos clientes de máis confianza, aptitudes polas que se formou en produción animal na Facultade de León: “A nutrición foi o paso inicial e o INRA primeiro e o NRC despois proporcionáronme a primeira experiencia na formulación no campo. Ademais, malia que tiñamos unha estrutura económica moi limitada, atrevinme cun investimento: un computador de sobremesa NRC sen disco duro con 124 k en dobre disqueteira e un sistema operativo xa desaparecido, o CPM; todo iso polo módico prezo dun millón de pesetas. Con el, desenvolvín o meu primeiro programa de nutrición en base á programación lineal para a formulación de racións en bovino leiteiro”, rememora.

OS 90: REESTRUTURACIÓN E CAMBIO DE TERZO

Nesta década o número de explotacións decrece ata case a metade (171.000) e o censo de vacas leiteiras pasa a 1,6 millóns (-20 %). No sector en xeral comeza a intuírse a aposta pola concentración e a intensificación (o 85 % das vacas xa eran frisonas), seguindo outros modelos produtivos nacionais que estaban a dar bos resultados e se baseaban na obtención de valor engadido mediante a combinación e optimización de recursos e produción.

En 1991 aparecen os primeiros plans de abandono subvencionado, programas defectuosos debido a un baixo prezo e a unhas limitacións orzamentarias que condicionarían o futuro dos cesamentos por esta vía. A produción leiteira entra nesta etapa nunha fase de incerteza a teor da chegada efectiva do réxime de cotas lácteas, as cales mostran o seu lado amargo: a multa ou supertaxa e a aplicación da Lei por exceso de produción nas campañas 1993-1994, 1995-1996 e 1999-2000. Millóns de euros lastrarían a miles de gandeiros de todo o país.

Nos anos 90, desenvolveron unha primeira lista de comprobación para revisar máis rapidamente os datos das granxas

O penso é substituído polas mesturas personalizadas (se non se adquire directamente a materia prima), os carros mesturadores popularízanse e a ración única de produción consolídase na maioría das explotacións.

As fábricas de mesturas proliferan e as industrias de penso para vacún recíclanse ou prescinden do sector leiteiro por todo o territorio nacional. É esta unha década en que a sanidade avanza e se sitúa nos estándares europeos da sanidade animal en relación coa tuberculose, a brucelose e a leucose bovina. Nesta liña, entre 1994 e 1996 publícanse dous reais decretos que establecen as normas sanitarias aplicables á produción e comercialización de leite cru de vaca que lle esixirán ao produtor requisitos mínimos de calidade de acordo coa Directiva 92/118/CEE. “A devandita normativa, e as atractivas axudas económicas con que se dota, propiciaron a consolidación dunha nova figura, a do veterinario especialista en calidade do leite, demandado con éxito pola industria láctea, así como por asociacións, cooperativas e algúns produtores particulares”, apunta Baucells.


A transcendencia que adquiriu o mal das vacas tolas nos medios implicou Importantes repercusións na opinión pública respecto de todo o relacionado coa saúde humana

Comeza a intuírse entón o efecto da masificación de novos licenciados debido ás dez facultades existentes (Valencia abriu como privada no ano 1996). En dez anos, o fluxo anual de novos licenciados duplícase, pero a oferta é absorbida pola demanda da Administración primeiro e polo auxe das clínicas de animais de compañía despois.

Conta Baucells que nestes anos a súa actitude e aptitude para o traballo progresaron e tamén o fixo o seu radio de acción: os clientes xa non só estaban en Xirona ou Barcelona, senón tamén en Lisboa, Bérgamo, Bordeos, Granada ou os Azores e, chegados a 1993, o seu grupo de traballo xa se estruturaba cun organigrama empresarial.

“Naqueles tempos o número de granxas que requirían os nosos servizos aumentaba e a toma de decisións en case calquera ámbito da produción leiteira esixía dispoñer de información obxectiva se pretendiamos minimizar os riscos de erros e abandonar definitivamente a subxectividade das sensacións, tan arraigada e fomentada no sector.

Para iso, precisabamos doutras ferramentas de control que fosen máis útiles, amplas, fáciles e rápidas, o que nos levou a implementar unha folla Excel á que denominamos “RX” coa valoración mensual duns 50 parámetros”, conta. Esta folla, ou lista de comprobación, de cálculo rápido e fácil, agrupouse por áreas técnicas (efectivo, produción, produtividade, reprodución, patoloxía...) e permitiu comprar dunha ollada os datos técnicos dentro da propia granxa e tamén con outras que utilizasen idéntica metodoloxía.


INTERCAMBIO DE COÑECEMENTOS NACIONAL E INTERNACIONAL

Quim afirma que 1990 podería considerarse como o “ano un” para os buiatras españois da actualidade. “Quen non lembra o mes de decembro do primeiro congreso de Anembe?”, salienta.

Celebrado na Facultade de Veterinaria de Madrid, o afán por compartir ciencia, lecer e coñecemento dos asistentes fixo que as salas habilitadas quedasen pequenas. “Así foi como botou a andar esta asociación, que conseguiu darlles forma aos anhelos do noso colectivo. Monge e o resto do comité organizaron con grande éxito esta primeira reunión, á que seguiron as de Santander, Xixón e o memorable Congreso de Sitges de 1998”, valora.

Seguindo o fío de Anembe, en 1991 Baucells participou, da man da APPB e xunto con outros colegas, no Congreso de Indianápolis e visitou Forth Worth (Texas, EE. UU.), experiencias que o levaron a afondar na medicina da produción e a interesarse especialmente pola informatización dos datos de nutrición en vacún leiteiro.

Precisamente no que se refire á medicina da produción, narra este veterinario unha pequena liorta durante unha conferencia na Academia de Ciencias Veterinarias de Catalunya en 1993, evento no que expuxo algunhas reflexións sobre o futuro do veterinario ligado a este tema, as cales non foron ben acollidas. “Afortunadamente, case trinta anos despois esta filosofía é o pan de moitos veterinarios e está máis vixente que nunca”, destaca.

Así mesmo, e seguindo co seu afán por coñecer os sistemas de traballo noutros países, lembra cando, por mor dunha charla con Carlos Buxadé en 1992, xurdiu unha viaxe a Alemaña, "á que tamén foron outros expertos do sector, como Juaristi, Collell, Gumer de la Riera, Pepe García, Arturo Barroso e Marc Piera", para afondar nos baixos custos de produción do leite dos produtores alemáns. “Estas viaxes e contactos foron, en certa maneira, un importante punto de partida e inmediatamente implementamos no noso traballo diario a filosofía da medicina da produción ofertando (e cobrando, está claro) por servizos distintos aos habituais. Sen dúbida, foi unha década prodixiosa con crecemento continuo e constante”, asevera.


OS 2000: A CONSOLIDACIÓN DA MEDICINA DA PRODUCIÓN

O século XXI empeza con 1,12 millóns de cabezas de gando no país, unha cuarta parte das que se contaban nos oitenta, e con 60.293 produtores, un terzo dos existentes en 1990.

Coa reforma da Política Agraria Común albiscábanse cambios importantes nas regras de xogo do sector produtivo, pero finalmente quedaron en simples previsións. “Nesta época o mercado internacional do leite volveuse tolo e contaxiou a todo o mundo, incluída Europa. O ouro branco existía e estaba nas nosas mans! Nunca viramos o prezo do leite ao produtor a estes niveis, 450 €/t, pero a algúns parecíalles insuficiente e querían máis...”, lembra Baucells.

Os 2000 foron os anos nos que o crecemento das ganderías e a optimización dos recursos eran obxectivos claros de evolución. Cada vez eran menos os gandeiros e os técnicos que relacionaban directamente produción e patoloxía, apareceron interesantes iniciativas, como hoteis para xovencas e sincronización da reprodución; comezou a implantación dos robots de muxido e algunhas explotacións atrevéronse cos tres muxidos: “Xa non eras ninguén se non superabas os trinta litros”.

No ámbito veterinario, en novembro do ano 2000 aparece o primeiro caso de EEB en Galicia e o sector enfróntase a unha histeria colectiva e a un reto descoñecido: a transcendencia que adquiriu o coloquialmente coñecido como “mal das vacas tolas” nos medios, xunto coa maneira en que se tratou, implicou importantes repercusións na opinión pública respecto de todo o relacionado coa saúde humana.


“A bioseguridade págase e empeza por un mesmo. O perigo axexa aquí mesmo”

Uns anos despois, en 2007, tres das mellores explotacións coas que traballaba Joaquim sufriron as consecuencias dun brote de brucelose orixinado polo contaxio dunha ovella afectada dun rabaño infectado que se paseou por unha granxa de recría común de xovencas. Como resultado, dous baleiros sanitarios e máis de 1.500 animais sacrificados. “Aprendemos que a bioseguridade se paga e empeza por un mesmo; o perigo axexa aquí mesmo, pero de nada serve protexerse cos mellores protocolos sen a adecuada coordinación e eficacia da propia Administración”, reflexiona.

Neste tempo, denuncia Baucells que “o noso colectivo, ás veces tan corporativista, pero sempre moi individualista, volveu perder o control efectivo da Lei do medicamento, que quedou en mans das comerciais, cooperativas e distribuidoras, actuais amos e señores deste mercado que, en moitas ocasións, están amparadas pola rúbrica de veterinarios mercenarios da receita virtual que nin viron o animal nin, probablemente, se atreverían a prescribir na vida real”.

O PRESENTE: A MODA DA VETERINARIA NUN SECTOR Á BAIXA

“A certeza é que a vida continúa a pesar de que se certifique que en 40 anos desapareceron máis do 95 % dos rabaños existentes en 1980”, apunta Quim.

No ranking de países produtores da Unión Europea, España ocupa o sétimo lugar. Achegamos o 4 % da cota comunitaria, unhas 7.500 toneladas de leite ao ano, e facémolo coa personalidade propia dun país que, aínda que con certos matices, se etiquetaría como de produción leiteira intensiva e dependente. Como vimos neste repaso, o traxecto ata chegar á actualidade non foi fácil, senón que estivo cheo de dificultades que aínda sofren as ganderías que seguen en pé (hoxe resisten menos de 12.000 explotacións, cunhas 820.000 vacas). “Nesta travesía, o gandeiro sorteou unhas cotas que coartaron o crecemento (clave para a redución de custos e a mellora da eficiencia), unhas lexislacións ineficaces para frear o abandono, unha incerteza no mercado das materias primas e uns cambios na sensibilidade e nos hábitos de consumo dunha sociedade cada día máis distante coa realidade do sector gandeiro”, enumera Baucells.


“O gandeiro sorteou lexislacións ineficaces e cambios nos hábitos de consumo dunha sociedade cada día máis distante coa realidade do sector”

A pesar disto, na actualidade o sector lácteo español é un dos máis profesionalizados de Europa e, fronte a unha base territorial pequena, presenta unha alta densidade de animais, que segue aumentando ano tras ano.

A compra externa de alimentos, xa sexan forraxes ou concentrados, representa entre o 70 % o 85 % do custo alimentario –predomina o gasto en pensos e concentrados, que supón máis de 4.500 kg/vaca/ano, o que nos converte no país europeo con maior consumo, seguido moi de lonxe por Italia–. Apunta este veterinario que, malia que xurdiron iniciativas por parte dalgunhas administracións e asociacións, aínda son poucas as explotacións que avalían con obxectividade os seus custos reais de produción e é habitual que se confundan ou obvien nas contas os custos de oportunidade, o que impide ter un coñecemento real e invalidan os resultados de moitas delas. “Os custos existen e as tomas de decisións para melloralos desaténdense ou aprázanse e, se se executan, demasiadas veces se fai en base a tópicos ou inercias non sempre acertadas”, lamenta Baucells.

Joaquim Baucells durante un relatorio nas xornadas da Asociación de Estudantes de Medicina Veterinaria da UTAD en Vila Real (Portugal) en febreiro de 2018

No que respecta ao volume de profesionais veterinarios, en 2011 en España había xa uns 30.000 veterinarios colexiados e 1.300 novos aspirantes á licenciatura incorporábanse cada ano nalgunha das once facultades do país. O número de escolas de veterinaria españolas representa hoxe, xunto coas italianas, o 50 % do total europeo.

O volume de licenciados duplicouse entre 1985 e 2000 e en 2010 existían xa catro veces máis veterinarios que en 1980. “Isto xa se vía vir no ano 2000 e a Federación Veterinaria Europea alertou, nun estudo, do perigo de plétora profesional a partir de 2010”, lembra Baucells, quen opina que a obsesión de políticos e profesionais durante a Transición por “colocar unha facultade en cada esquina” foi, xunto coa popularización da profesión veterinaria nos medios de comunicación, o detonante para a “moda” de estudar esta carreira.

No entanto, o problema de exceso de oferta non aplica para a buiatría: “Atreveríame a aventurar que seremos da orde de 1.500 a 2.200 profesionais polo que, considerando o número actual de veterinarios colexiados, a nosa especialización é minoritaria e non superaría o 7 % do total”, calcula.


FALEMOS CON PROPIEDADE

Debemos ser conscientes de que a producción ecolóxica e de proximidade son argumentos moi atractivos para o consumidor e tamén un instrumento que dota de certa protección ao produtor local. Por iso, hai que acoutar claramente os conceptos “ecolóxico”, “proximidade”, “slow food”, “pegada de carbono”… e, se é necesario, demostrar os beneficios que lles atribuímos. “Mentres isto non se faga, non é de recibo caer no tópico da falsa incompatibilidade coa produción convencional que, ademais de ser o mellor garante para alimentar de forma sa a un mundo superpoboado, está igual (se non máis) de controlada e é de igual maneira ecoloxicamente eficiente”, opina Baucells.


O FUTURO: AVANZAR CO SECTOR

Advirte Baucells que todos estamos condicionados á evolución do sector polo que traballamos: se este fracasa, nós tamén e, sen dúbida, o futuro do sector leiteiro pasará por ser máis global, menos protexido e máis eficiente. “Os gandeiros que se precen deberán implementar ferramentas eficientes de xestión que lles permitan coñecer en todo momento o que lles custa producir un litro de leite e cales son as súas fortalezas e debilidades para, en función disto, tomar decisións e afrontar con éxito o futuro”, augura.

A maior e previsible volatilidade dos mercados, a política de redución de subsidios, lexislacións máis restritivas ao crecemento e o acceso ao capital obrigarán nos próximos anos a facer un exercicio importante de coñecemento e mellora de custos, o que levará a un incremento das granxas eficientes e á desaparición das explotacións non competitivas. Pero non será a volatilidade dos factores de produción, senón o propio mercado, o consumidor, o que decidirá que é o que quere e canto está disposto a pagar por iso.

As explotacións de vacún leiteiro na UE e en España deberanse localizar en zonas con capital humano ilusionado e onde a produción resulte máis organizada, eficiente e competitiva. “Non somos insensibles a que a produción de leite en zonas desfavorecidas se siga considerando como valor engadido, en base á conservación do territorio e á fixación da poboación, pero sempre pensando a que custo e que as vacas de leite non son a única alternativa para resolver os problemas de desenvolvemento rural”, sostén.

Fotografía: David Iglesias García-Conde

Opina que actualmente ao veterinario de vacas non lle falta traballo en España e que, posto que a inxente afluencia de novos veterinarios no mundo laboral nos últimos anos dificilmente poderá ser absorbida polas ofertas na Administración, na clínica de animais de compañía ou nas industrias farmacéutica e agroalimentaria, é probable que haxa un crecente interese polo mundo rural. “No noso sector, poida que se estean reducindo as áreas de traballo, pero tamén están a xurdir novas ou renovadas actividades que posibilitarán recolocar profesionais na próxima década”. 

En calquera caso, advirte Quim que, do mesmo xeito que o fai o sector polo que traballan, os buiatras deberán facer a curto prazo dous exercicios: recoñecer e remediar a baixa produtividade que se intúe no gremio. Apunta, ademais, que os veterinarios non son inmunes aos cambios que experimenta a profesión, nin tampouco aos do sector. “Se non cambiamos con el, veremos limitada a nosa utilidade e será máis difícil esixir o que pretendemos”, destaca. “Tamén deberemos asumir que as granxas non son nosas, senón dos nosos clientes, e non podemos supoñer que somos os seus únicos e infalibles conselleiros. Podemos aprender e debemos aceptar con espírito crítico e proactivo opinións doutros profesionais, aínda que, ás veces, entren en conflito coas nosas ideas ou recomendacións”, completa.


“Os gandeiros que se precen deberán implementar ferramentas que lles permitan coñecer o que lles custa producir un litro de leite e cales son as súas fortalezas e debilidades”

Como en case calquera profesión, tamén os veterinarios deberán investir tempo e diñeiro en adquirir novas aptitudes e, subliña, “pensar en orientar o traballo en base ás necesidades do sector, e non ao revés”. Así mesmo, á vez que o mundo se tecnifica, tamén terá que facelo este gremio: “Tanto os gandeiros como os veterinarios deberiamos apostar polo traballo intelixente. O ‘veterinario bombeiro’ é cousa do pasado; vivimos na era do organizador de sistemas de produción”.

Admite Baucells que é dos que cre que o futuro será duns poucos asesores e, sobre todo, de moitos veterinarios locais próximos, honestos e dispostos a estar á beira do produtor, a evolucionar con el para proporcionarlle os servizos que precisa e, cando sexa necesario, a recorrer a outros profesionais competentes que lle axuden.

Sexa como for, e pese os cambios e a incerteza dos anos que están por vir, probablemente o fin último do bo veterinario permaneza inamovible, isto é, o que Baucells define como “ofrecer os produtores de leite que o demandan propostas asumibles para implementar os cambios necesarios que lles permitan mellorar os resultados económicos das súas explotacións, optimizando rendementos e protexendo a saúde e o benestar animal para contribuír así, no posible, á súa permanencia voluntaria no sector”.