Os membros de EuroGenomics intercambian rutinariamente os xenotipos dos seus touros holstein e aqueles con máis de 10 meses de idade reciben as súas valoracións xenómicas tres veces ao ano nas seis escalas: española, francesa, nórdica, holandesa, polaca e alemá. Tras a última valoración, Xenética Fontao destacou as posicións de touros como Gigantic (na foto), Riscal, Bimbo ou Gerónimo, entre outros.
O ranking polaco é liderado por dous touros de Fontao: Gigantic e Riscal. Caramelo, Allure ou Gavino Red tamén conseguiron boas posicións nesta listaxe. Á súa vez, Bimbo é o mellor situado na lista francesa e acompáñano no TOP 50 outros sementais como Key, Splash RC, Donut P ou Goldar. Na relación de mellores touros alemáns, Xenética Fontao destaca a presenza de Gerónimo no número 5.
Por último, desde o centro galego resaltan a colocación de 5 fillas do touro Rioaveso entre as 12 mellores femias xenómicas de Holanda por NVI.