A Asociación EFA Fonteboa presentou o programa de actividades de formación continua para o último trimestre do ano. A primeira desenvolverase esta semana, do 15 ao 18, e trátase dun curso sobre muxido dirixido a alumnos de 1.º de GASA e a profesionais do sector que estean interesados en participar. Haberá prácticas en granxa e charlas técnicas nas que se abordarán temas como a fisioloxía do muxido, instalacións, robotización e rutinas de traballo. As inscricións realízanse a través do número de teléfono do Centro: 981 733 051.
O 21 e o 27 de novembro organizan unha formación sobre normativas ambientais e certificacións nas granxas de leite. Na iniciativa, os técnicos de Lactalis impartirán sesións teóricas e guiarán as actividades prácticas das granxas. A formación completarase cunha visita a unha gandería ecolóxica e á fábrica de Lactalis de Vilalba, en Lugo. Na última semana de novembro levarase a cabo un curso sobre benestar animal, focalizado tanto en granxas como no transporte e matadoiros.
Ademais, está prevista unha xornada de coñecemento sobre as setas, unha formación relativa á xestión forestal, unha de certificación europea de motoserrista e outra de rozadoira. Tamén continúan as formacións relacionadas co Centro de Investigación, Capacitación e Promoción Apícola, a Área de Experimentación Vexetal e o Polo de Emprendemento.