Eficiencia e sostibilidade en vacún leiteiro, a estudo a próxima semana no CIAM

Eficiencia e sostibilidade en vacún leiteiro, a estudo a próxima semana no CIAM

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) organiza o próximo 27 de novembro unha xornada técnica centrada na eficiencia e na sostibilidade no sector do vacún de leite. O encontro desenvolverase no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), situado no concello coruñés de Abegondo.

A inscrición previa é obrigatoria e o aforo limitado, polo que se recomenda realizar a reserva canto antes para garantir a praza.

O acto comezará coa presentación de Martín Alemparte Vidal, director da Agacal. A continuación, Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, ofrecerá un relatorio titulado "O sector lácteo en Galicia: Pasado, presente e futuro".

Máis tarde, Andrea Lendewig, directora de investigación e desenvolvemento de IFCN, achegará unha perspectiva global coa súa exposición sobre as "Tendencias mundiais e o mercado lácteo español". Nesta charla destacará as correntes internacionais que impactan no mercado local.

Despois dunha pausa para o café, Steffi Wille-Sonk, investigadora de EDF (Asociación Gandeiros de Europa), falará sobre a eficiencia técnica e económica das granxas EDF en España e Europa. Posteriormente, intervirá John Allen, director de AB Dairy Global e consultor de Kite Consulting, quen presentará a súa conferencia sobre como converter ameazas en oportunidades para aproveitar a sostibilidade.

Despois da pausa para o xantar, será a quenda de Tom Davis, nutricionista principal e cofundador de Kite Consulting, que abordará a eficiencia en nutrición durante o período de transición, tema clave para a saúde e o rendemento das vacas de leite.

Ben Helm, director comercial global de AB Dairy, tomará a remuda para presentar formas innovadoras de mellorar a eficiencia e o rendemento en vacas e xovencas. Antes de finalizar, Jon Bakker, consultor internacional de nutrición de Duynie (Cooperativa Royal Cosum), exporá as "Opcións dispoñibles para mellorar a eficiencia e sostibilidade na granxa".

A xornada concluirá cunha mesa redonda, onde se resumiran os principais puntos tratados e ideas prácticas para aplicar nas explotacións.

A inscrición pode realizarse nesta ligazón. Código do seminario: TT2024F115015