O APLTA da USC amplía a súa oferta tecnolóxica coa posta en marcha de novos equipos

O APLTA da USC amplía a súa oferta tecnolóxica coa posta en marcha de novos equipos

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC acaba de pór en funcionamento dous equipos que completan a súa oferta de servizos dirixidos ao tecido industrial alimentario e centros de investigación.

En primeiro lugar, desde abril de 2021, o APLTA ten operativo un esterilizador UHT (Ultra High Temperature) para produtos con viscosidade media e elevada que permite procesar alimentos moi viscosos e que conteñan partículas ou fibras de pequeno tamaño. Os produtos procesados con este equipo manteñen as características organolépticas e o valor nutricional similar aos produtos frescos, co engadido de que poden ser conservados en temperatura ambiente durante tempo prolongado, evitando a utilización de conservantes. Segundo José Ángel Carballeira Fernández, técnico superior de I+D do APLTA, o deseño dos seus compoñentes posibilita un tratamento suave durante todas as fases do proceso que minimiza as alteracións na calidade do produto final obtido.

Doutra banda, esta plataforma tecnolóxica do Campus de Lugo adquiriu recentemente un analizador de fluxo de po, un novo equipamento tecnolóxico que sitúa ao Laboratorio de Propiedades Físicas deste centro nunha posición de vangarda. Este equipo e o software asociado do que dispón o APLTA da USC reforza e complementa as prestacións do analizador de texturas TA.XPlus co que traballa o Laboratorio de Propiedades Físicas e amplía a gama de accesorios e sondas deste dispositivo, tal e como sinala o responsable deste laboratorio do APLTA, Juan Ventura Trillo.