Este sábado 16 de novembro, tivo lugar en Cospeito a reunión do comité organizador da XLI Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), durante a cal se comezaron a perfilar os detalles da próxima edición desta feira multisectorial, que se celebrará entre os días 4 e 6 de abril de 2025. A xuntanza, organizada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, contou coa participación de representantes destacados do sector gandeiro, autoridades locais e autonómicas, así como membros de Africor Lugo e Acruga.
Entre os asistentes estivo a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, e o deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López. Ambos os dous reafirmaron o apoio das institucións ás que representan á celebración da Moexmu, encontro do que destacaron a súa importancia como motor de impulso económico e social para a comarca da Chaira e para toda a provincia de Lugo. Ademais, a reunión contou coa participación de Armando Castosa, alcalde de Cospeito, e representantes dos grupos municipais. Tamén asistiron o presidente da Asociación de Empresarios de Muimenta e coordinador da Moexmu, José Manuel Rus Rodríguez, o presidente de Africor Lugo, Manuel Sandamil Cabana, e o presidente de Acruga, César Dorado Pin. Igualmente, participaron os gandeiros que estiveron presentes no último Concurso de Gando da Moexmu, os cales reforzaron o seu compromiso coa preparación deste evento tan relevante.
A Moexmu, que celebrará a súa 41ª edición, incluirá un variado programa de actividades tradicionais, como a XLI Mostra Exposición, o XXXIX Concurso de Gando Frisón, a XXXIX Exposición de Gando de Raza Rubia Galega, a XXIX Subasta de Gando Selecto, o XXIV Concurso de Xóvenes Manejadores e o IV Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando. Esta cita consolidouse como a única feira de gando que se mantén activa na provincia, converténdose nun punto de referencia para profesionais e afeccionados do sector.