No marco da feira Agropec que se celebrará no Recinto Feiral Luis Adaro de Gijón do venres 24 ao domingo 26, este sábado terá lugar o 41º Concurso Nacional da Raza Frisona de Conafe. Xulgado polo barcelonés Poll Collell, durante a mañá do sábado sairán a pista os animais das seccións de xatas e xovencas e pola tarde será a quenda das vacas en lactación, completando así o concurso nunha única xornada. Na mañá do domingo celebrarase o XX Campionato Nacional de Manexadores e, ese mesmo día a partir das 13:00 horas, terá lugar o Concurso Nacional da Raza Parda.
Entre as novidades que presentará o concurso este ano destacan os novos premios de Mellor Rabaño e Segundo Rabaño Nacional de Xatas e Xovencas (esta sección non sumará puntos para as seccións de Mellor Criador e Mellor Autonomía), así como novas distincións ao Mellor Criador Nacional e Segundo Criador Nacional de Xatas e Xovencas.
Tamén se celebrará fóra de competición unha nova sección de recoñecemento, que consistirá nunha exhibición na pista de vacas sobresaíntes, segundo criterios morfolóxicos (cualificadas 4EX ou máis; mínimo de produción vitalicia 80.000 kg) ou produtivos (100.000 kg ou máis a 30/6/21; cualificación mínima MB), presentes no recinto feiral.
Programa
Sábado, día 25 de setembro:
Desde as 10:00 horas
Xulgamento das seccións de xatas e xovencas
Desde as 15:00 horas
Xulgamento das seccións de vacas en lactación e grupos
Domingo, día 26 de setembro:
Desde as 10:30 horas
XX Campionato Nacional de Manexadores
Desde as 13:oo horas
Concurso Nacional da Raza Parda