A organización da 38.ª Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que se celebrará os días 1, 2 e 3 de abril do próximo ano nesta localidade lucense, acaba de anunciar que, nesta edición, a feira será a sede do XXX Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga 2022.
Xa estaba previsto que o rexional galego tivese lugar por primeira vez na Moexmu en abril de 2020, pero a pandemia obrigou a cancelar estes plans e, tras celebrarse este ano en Lalín, á vez que Feiradeza 2021, en 2022 Muimenta será a localidade que acolla o certame de Fefriga, que se xulgará á vez que o XXXVI Concurso de Gando Frisón da Moexmu.
Desde a organización sinalaron que, a pesar da súa anulación forzada en 2020, sempre mantiveron o interese en acoller o concurso rexional e aseguraron que "constitúe un verdadeiro respaldo ás actividades que desde 1987 levaban a cabo os empresarios de Muimenta nesta feira a través da comisión da Moexmu".
Durante a feira tamén terá lugar, como é habitual, a XXXVI Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXVI Poxa de Gando Selecto.