O Consello Portugués de Saúde do Ubre celebrou a súa IX Conferencia Anual en Barcelos

Expertos internacionais, veterinarios e representantes do sector lácteo reuníronse para abordar os retos e avances relativos á saúde do vacún leiteiro. Desde innovacións en diagnóstico e manexo ata estratexias para a formación de equipos e a implementación de novas tecnoloxías, o evento salientou coma un punto de encontro clave para compartir coñecemento e promover a sustentabilidade no sector. Máis en Vaca Pinta 49.

O 9 de novembro, a cidade portuguesa de Barcelos foi sede da IX Conferencia Anual do Consello Portugués de Saúde do Ubre (CPSU). Este evento reuniu expertos, veterinarios e representantes do sector leiteiro, tanto de Portugal coma de España, nunha xornada centrada nos avances tecnolóxicos, o diagnóstico e o manexo das explotacións gandeiras.

Cun variado programa de relatorios e coa participación de destacados especialistas internacionais, o encontro reafirmou a importancia da colaboración interdisciplinaria e transnacional para afrontar os desafíos que afectan á saúde do ubre e, en consecuencia, á produtividade e sustentabilidade do sector.

MÉTODOS DE DIAGNÓSTICO, PATÓXENOS POUCO FRECUENTES E XESTIÓN DO PERSOAL

Carla Silva Gomes, do laboratorio Exopol, abriu a xornada cunha presentación que destacou os métodos de diagnóstico para identificar axentes de mastite. Gomes subliñou a relevancia de diferenciar entre infeccións ambientais e infecciosas e de avaliar a súa gravidade para garantir un tratamento adecuado. Neste contexto, presentou solucións analíticas avanzadas desenvolvidas por Exopol que permiten un diagnóstico máis preciso e rápido, o que redunda nunha mellora na toma de decisións clínicas nas ganderías.

Pola súa banda, David Reyero, de Vetoquinol, introduciu o funcionamento dun dispositivo automatizado para o diagnóstico bacteriolóxico en granxas leiteiras que proporciona resultados individualizados en menos de 24 horas. Este avance, segundo explicou, non só optimiza o tratamento de mastites subclínicas, senón que tamén contribúe a reducir o uso de antibióticos ao identificar casos nos que non son necesarios.

Michael Farre, investigador no ámbito do diagnóstico veterinario, ofreceu unha perspectiva internacional con dous relatorios. O primeiro deles centrouse en patóxenos raros nas ganderías danesas. No segundo, explorou estratexias para formar e motivar o persoal de muxido mediante a implementación de protocolos estandarizados (SOP), follas de ruta e métodos de formación como o TWI (Training Within Industry), que promoven a eficiencia e a excelencia operativa nas granxas.

O factor humano tamén foi o eixe central da intervención de Oriol Franquesa, de Q-llet, quen abordou o desafío de adestrar equipos multiculturais nas salas de muxido. Franquesa enfatizou que “non traballamos con vacas, traballamos con persoas” e destacou como a xestión eficaz do persoal, desde a súa contratación ata a súa formación e motivación continua, é básica para a produtividade e o éxito económico das ganderías. Nun sector cada vez máis competitivo, asegurou, é crucial reter talento e promover o orgullo polo traballo ben feito.


 O encontro subliñou as sinerxías entre investigación, tecnoloxía e manexo dentro do sector do vacún leiteiro

MANEXO E I+D

Alejandro López, de Alpavet, puxo o foco na importancia da análise e o manexo do material nas camas das vacas leiteiras. Explicou como medir a temperatura, composición e condicións das camas para previr infeccións. Ademais, deu a coñecer o proxecto Lacto Keeper, unha iniciativa que combina intelixencia artificial e tecnoloxías avanzadas para monitorizar tanques de leite, garantindo a calidade e a seguridade do produto.

O benestar animal foi outro tema destacado da reunión. Luís Pinho, investigador e experto en métricas de benestar, analizou o impacto dos sistemas de muxido convencionais e robóticos na saúde das vacas. Segundo Pinho, indicadores directos e indirectos permiten avaliar o confort dos animais durante o muxido, un aspecto esencial para a implementación de programas efectivos de benestar animal.

O período seco foi o tema central da intervención de Marcello Guadagnini, de Axiota Animal Health. Guadagnini presentou un estudo sobre o impacto dos oligoelementos minerais inxectables na inmunidade da glándula mamaria. Concretamente, recalcou o seu papel na prevención de infeccións e na mellora da saúde xeral das vacas durante esta etapa. Segundo sinalou, estas inxeccións estratéxicas representan unha ferramenta prometedora para garantir o benestar animal e a sustentabilidade das explotacións.

O evento concluíu coa presentación de Rui Martins, investigador principal do proxecto Pocket Vet. Este innovador “minilaboratorio” portátil ofrece solucións para o diagnóstico e a monitorización da saúde do ubre, o que lles permite os gandeiros acceder a datos precisos en tempo real. Segundo Martins, esta ferramenta dixital ten o potencial de revolucionar a xestión sanitaria nas granxas, facéndoas máis eficientes e resilientes.

COMPROMISO COA FORMACIÓN CONTINUA

A IX Conferencia Anual do CPSU non só reuniu profesionais deste campo para compartir coñecemento, senón que tamén serviu como plataforma para poñer en valor as sinerxías entre investigación, tecnoloxía e manexo. En palabras dos organizadores, o evento reafirmou o seu compromiso coa formación continua e a difusión de prácticas avanzadas que contribúan ao desenvolvemento do sector leiteiro na península ibérica, e subliñou a importancia de integrar enfoques innovadores no manexo diario das ganderías de vacún de leite, na medida en que garanten ao mesmo tempo a saúde dos animais e a sustentabilidade do sector.