A asesoría lucense Arza Ingeniería Agrícola convocou o pasado 9 de febreiro en Lugo, coa colaboración de Innogando, Abanca, Caixa Rural Galega e Xunta de Galicia, unha xornada para abordar as novidades da PAC 2023-2027, que tivo unha gran resposta por parte do sector gandeiro.
Abriu a rolda de intervencións Paula Beloso, de Arza, que realizou un repaso de diferentes novidades para as explotacións recollidas en reais decretos publicados nos últimos meses de 2022 e presentou o Caderno Dixital desenvolvido pola empresa. Tras a súa intervención, subiu ao estrado Elio López, CEO de Innogando, que recomendou as axudas do Kit Dixital e presentou dúas das súas solucións de monitorizado de animais: os dispositivos RUMI, para monitorización de celos e ruminación, e RUMI Partos, para detección de partos. Por último, as novidades da PAC chegaron da man de José Luís Acción, xefe de servizo de Axudas Agrícolas da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).