O equipo de Vaca Pinta, presente un ano máis en Space

O equipo de Vaca Pinta, presente un ano máis en Space

Parte do noso equipo desprazouse esta semana ata Rennes (Francia) para asistir á trixésimo oitava edición da feira Space, o Salón Internacional de Producións Animais, que se celebra desde hoxe e ata este xoves, 19 de setembro, no Parque de Exposicións da cidade bretoa.

A feira conseguiu reunir a máis de 1200 expositores e prevese que recibirá 100.000 visitantes de 120 países. Este evento é un punto de encontro clave para o sector gandeiro, cun cento de conferencias, unha plataforma de novidades, entrevistas para mozos, e un «Espace for the Future» para reflexionar sobre o futuro da gandería. Situada no «Grand Ouest» de Francia, unha rexión que produce o 75 % do gando porcino e máis do 50 % da produción leiteira do país.

Os portavoces de Space subliñan a importancia do relevo xeracional na agricultura, xa que un terzo dos agricultores xubilarase nos próximos 10 anos. Ademais, a feira aborda temas como a transición enerxética, a soberanía alimentaria e propón solucións para mellorar a transmisión de explotacións e a atracción cara ás profesións agrícolas.