O Goberno actualiza a normativa para o funcionamento do sistema de control do rendemento leiteiro en España

O Goberno actualiza a normativa para o funcionamento do sistema de control do rendemento leiteiro en España

O Consello de Ministros aprobou onte un real decreto que actualiza a normativa en materia de control do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina. Tamén se establecen as bases reguladoras das subvencións ao control do rendemento leiteiro e modifícase diversa normativa en materia gandeira. Queda pendente o desenvolvemento desta norma por parte das diferentes comunidades autónomas.

Esta actualización ten a finalidade de determinar o valor xenético, os méritos ou outras capacidades dos reprodutores. De igual forma, favorece a adecuación do sector leiteiro aos avances tecnolóxicos, como pode ser a dixitalización e robotización, o que permite que as explotacións xeren información válida para os programas de cría, de forma que se poden considerar outras posibilidades na recollida de datos.

O real decreto, que mantén a regulación do apoio económico ao control de rendemento leiteiro, actualiza algúns aspectos na xestión das subvencións para adaptalo ao marco normativo europeo en materia de axudas de Estado e á normativa nacional sobre subvencións. A norma tamén inclúe unha modificación do Real Decreto de 1053/2022, de 27 de decembro, polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas. Coa aplicación de axustes técnicos, búscase reforzar a seguridade xurídica e garantir a súa coherencia coa realidade e necesidades de funcionamento do sector.

Así, prohíbense algúns procedementos e aparellos de manexo para protexer o benestar dos animais. Tamén se rectifica a táboa de equivalencias de unidades de gando maior a fin de eliminar discrepancias e garantir o seu paralelismo coa táboa de equivalencias recollida no real decreto para a aplicación, a partir de 2023, das intervencións en forma de pagos directos e o establecemento de requisitos comúns no marco do plan estratéxico da PAC.