'Retos do sector lácteo' foi o nome da xornada celebrada hoxe, mércores 25 de outubro, na EPS de Lugo. O grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC foi o encargado de organizala. Así, diversos expertos abordaron o futuro das granxas de vacún de leite galegas desde diferentes puntos de vista: financiación, sustentabilidade, produción e innovación.
O programa de relatorios comezou ás 9:30 horas coa charla ‘Os retos para o financiamento’, a cargo do director de Banca Sectorial de Abanca, Jesús Combarro. O enxeñeiro agrónomo e responsable de produto de Egais da multinacional Alltech, Henrique Prado, centrouse durante a súa quenda nos retos para a sustentabilidade que deben afrontar as granxas de leite e afondou sobre as posibilidades de aproveitamento de residuos gandeiros.
A fertilización de chans como base para a produción de forraxes foi a temática da intervención do director técnico do grupo Aresa, Rubén de Castro, un enxeñeiro técnico agrícola egresado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo que conta xa cunha ampla experiencia en fertilización de chans para a produción de viño. O enxeñeiro agrónomo formado tamén na sede universitaria luguesa Mario Ronco pechou a quenda de intervencións cunha charla sobre os retos para a innovación desde a perspectiva dunha empresa nova e innovadora como é Innogando, que actualmente se centra en tarefas de desenvolvemento de negocio e vendas.
As xornadas ‘Retos do sector lácteo’ continuaron en quenda de tarde, ás 16:00 horas, na Granja Gayoso Castro, unhas instalacións localizadas no concello de Castro de Rei. A veterinaria Sonia Verdes, directora da granxa, acompañou ás persoas participantes nesta visita, durante a que, ademais de ver as súas modernas instalacións, o público tamén puido asistir a sesións de demostración dos equipos de Innogando.